A Deputación confirma a “inminente” rexeneración da Xunqueira de Alba

O investimento ascende a case 4,5 millóns de € e permitirá recuperar 17.000 m2 dunha inmensa zona de espazos abertos que devolverá o espazo público e medioambiental ás persoas

12/05/2023

Fin obras demolición Xunqueira de Alba

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou do avanzado estado das obras de demolición do Parque de Maquinaria e a Imprenta provincial nos terreos da Xunqueira de Alba, que dará paso á rexeneración integral da primeira zona húmida de Galicia declarada Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Os traballos de demolición “están xa practicamente rematados, xa están demolidos os dous edificios”, sinalou a presidenta, que concretou que na actualidade se está xa a proceder “ao derribo dos elementos de urbanización e infraestruturas e unicamente quedan pendentes de retirar elementos accesorios para posteriormente, “de xeito inmediato”, poder sanear os terreos e proceder á rexeneración da Xunqueira. O investimento global da demolición e recuperación da Xunqueira de Alba ascende a preto de 4,5 millóns de euros e permitirá “recuperar uns 17.000 m2, dotando a Pontevedra dunha inmensa zona de espazos abertos nos que imos devolver o espazo público e medioambiental ás persoas”, asegurou.

A intervención na Xunqueira suporá o saneamento dos terreos para mellorar as súas características e axudar ao crecemento futuro das especies vexetais. Con iso arranca a fase de rexeneración, que está dividida en 3 etapas: en primeiro lugar a preparación dos firmes e pavimentos para a formación dun novo sendeiro peonil, en segundo lugar a dotación de iluminación e mobiliario para crear zonas de esparexemento e ocio, e finalmente a plantación da cobertura vexetal nunha superficie de máis de 13.000 m2 e a formación dun “bosque mixto”. As especies vexetais foron coidadosamente escollidas, de acordo coas directrices que marca o Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira da Gándara, e todas elas autóctonas como o carballo común, a sobreira, o freixo negro, a abeleira común, o salgueiro, o acivro ou o loureiro. Colocaranse en bosquetes para crear zonas de refuxio de fauna, protexéndoa da actividade humana.

Ademais, Carmela Silva tamén informou do estado das obras do novo Parque de Maquinaria que se están a acometer en paralelo no Polígono de Barro para o traslado desta dotación, tamén en estado avanzado. “Falta nada para rematar o volume principal” do novo parque, que se dividirá nun taller xeral, un anexo destinado a almacén para as brigadas e un edificio administrativo, e no que soamente quedan pendentes os acabados interiores e as instalacións. No caso das zonas de amoreamento e das marquesiñas de maquinaria e turismos, “xa foron executadas a cimentación, a estrutura e a cubrición” e nestes momentos “estanse realizando os muros perimetrais e quedan pendentes os traballos de acabados e instalacións”, sinalou a presidenta. Tamén están en execución o almacén xeral da Deputación –onde xa se realizou a cimentación maila estrutura metálica–, a solución proxectada para a urbanización –coa zona verde de acceso e de circulación peonil e o trazado circular das vías de tráfico rodado que serven a todas as edificacións– e o peche perimetral da parcela –con todo o enreixado metálico reutilizado das instalacións da Xunqueira–.

audios