Arranca a demolición do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial para a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba

Carmela Silva: “É un dos grandes compromisos do goberno provincial con Pontevedra, que se enmarca na nosa aposta polo respecto ao medio ambiente e a recuperación de espazos ecolóxicos que nunca deberon ser ocupados, que deberían ter sido respectados”

08/02/2023

Demolición Parque Maquinaria

Tiro de saída ás obras de demolición da Imprenta Provincial e do Parque de Maquinaria para a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba coa desmontaxe das pérgolas do aparcamento que serán reutilizadas no Polígono de Barro. A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera veñen de supervisar o inicio do proceso que vai ser executado por  Tragsa e no que se están a investir 4,4 millóns de euros para recuperar medioambientalmente o primeiro humidal de Galicia en ser declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

A recuperación da Xunqueira de Alba, espazo natural que pertence ao dominio marítimo –terrestre afectado pola Lei de Costas, é, para Carmela Silva, “un dos grandes compromisos do goberno provincial coa cidade de Pontevedra que se enmarca na nosa aposta polo respecto ao medio ambiente e a rexeneración de espazos ecolóxicos que nunca deberon ser ocupados, que deberían ter sido respectados”. A actuación que se vén de iniciar é “unha mostra de que cremos na recuperación medioambiental, en rexenerar espazos que foron arrebatados, pero tamén un claro compromiso co presente  e coas xeracións futuras, as nosas fillas e fillos, e netas e netos. É unha obriga ética, moral e medioambiental”, asegurou a presidenta.

Pola súa banda o vicepresidente César Mosquera destacou que “cando temos unha responsabilidade pública e temos uns ideais, uns soños, máxime cando son en beneficio da maioría, hainos que materializar cando se pode”. Fronte a esta postura de defensa do medio ambiente, criticou “o desarrollismo” e fixo referencia á postura da Xunta, que mantén as súas instalacións anexas ao Parque de Maquinaria sen dar “máis que desculpas” en lugar de trasladarse. Recordou que a Deputación ofreceu “hai xa uns meses” á administración galega uns terreos alternativos no polígono de Barro, duns 4.000 metros urbanizados e con auga. E remarcou que ante esta situación de fondo están dúas políticas diferentes: “Unha, a das administracións gobernadas polo PP e o gran capital, que insisten en manterse en contra de toda norma e incluso ás veces gañan, que para iso son poderosos, e outra a dos que cremos que o mundo ten que ir por outro lado en pro de deixar un planeta e un ambiente mellor do que herdamos con moito máis futuro. As agresións son caras, páganse moi caras. A xunqueira leva millóns de anos en facerse e como a deteriores, recuperala tal como era é inviable, son agresións irreversibles e agora é custoso recuperala. Creo que a Deputación dá exemplo e podemos estar orgullosos de dar estes pasos”, dixo.

A demolición do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial, que se executará nun prazo de entre dous e tres meses, sigue –tal e como explicou a presidenta- os principios da economía circular. “Queremos aproveitar toda o que poida ser reutilizado, para que non se converta en lixo” e así, amais das pérgolas do aparcamento que se reutilizarán no Polígono de Barro, tamén se fará o mesmo co peche perimetral da parcela e seleccionaranse e reciclaranse os distintos materiais que conforman o conxunto das edificacións. Amais, desmontarase o material da planta de aglomerado, a báscula de pesado de camións, e o surtidor e depósito de gasóleo que,  a través dunha poxa pública xa realizada, terá tamén “nova vida en empresas da provincia”.  A partir de aí, comezará a fase de demolición global, eliminando tanto as edificacións que a Deputación ten na Xunqueira como os elementos de urbanización que “interfiren nos procesos ecolóxicos necesarios para a renaturalización do lugar”.

Unha vez finalizada a demolición e a retirada dos materiais, realizarase un saneamento dos terreos para mellorar as súas características edafolóxicas e contribuír ao crecemento futuro das especies vexetais. A presidenta explicou que tras este proceso terá lugar a fase de rexeneración, que arrancará coa preparación de firmes e pavimentos para a formación dun novo sendeiro peonil que comunicará coa senda fluvial xa existente. Posteriormente dotarase á zona de iluminación pública e mobiliario urbano para crear novas zonas de esparexemento e desfrute.

Os traballos rematarán coa plantación de cobertura vexetal nunha superficie de máis de 13.000 metros cadrados e a formación dun “bosque mixto” con especies “coidadosamente escollidas de acordo coas directrices que marca o ENIL da Xunqueira de Alba”. Plantaranse exemplares de carballo común, sobreira, freixo negro, salgueiro, acivro ou loureiros que se colocarán en bosquetes, creando zonas de refuxio de fauna. En total, coas actuacións que se van desenvolver, recuperarase unha zona de aproximadamente 17.000 metros cadrados dotando á zona de espazos abertos nos cales se fomente a interacción social, o descanso e lecer ou a práctica de exercicio.

Traslado do Parque de Maquinaria e Imprenta Provincial

A demolición das edificacións iníciase, tal e como explicou a presidenta, “porque as obras do novo Parque de Maquinaria están xa en marcha, avanzan a bo ritmo e está previsto que rematen, se as condicións climáticas o permiten, en abril”. Mentres os traballos non finalizan o persoal do Parque de Maquinaria está sendo reubicado de xeito provisional no Viveiro de Barro.

Pola súa banda a Imprenta Provincial está xa trasladada a un espazo que a Deputación tiña dispoñible en Príncipe Felipe. Neste lugar situarase de xeito definitivo tanto o seu persoal como a súa maquinaria.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.