A Deputación avanza no traslado do parque de maquinaria ao polígono de Barro

A presidenta e o vicepresidente instaron os gobernos do Estado e da Xunta a que “tomen exemplo da Deputación” e tamén abandonen os terreos na Xunqueira

31/03/2023

Parque de maquinaria de Barro

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera visitaron hoxe os terreos do Polígono de Barro onde se está a levar a cabo as obras do novo Parque de Maquinaria, cunha superficie de preto de 8800 metros cadrados e un investimento global –incluída a recuperación da Xunqueira de Alba– de preto de 4,4 millóns de euros. “As obras van en prazo e estamos felices de ser a administración galega que máis aposta polo medio ambiente”, asegurou Carmela Silva, que puxo en valor que a Deputación “está cumprindo co calendario para que a Xunqueira estea rehabilitada segundo o previsto”.

A presidenta lembrou que “o novo Parque de Maquinaria ocupará dúas parcelas e contará cun edificio moderno e avanzado baseado nos principios da sostibilidade, con espazos moito máis dignos” que pasan por unha nave principal, naves de almacenaxe e un edificio administrativo con oficinas. Carmela Silva informou do estado das obras, “que está previsto que rematen a finais de maio”: nestes momentos “estanse a rematar as obras do edificio administrativo e a nave taller; o administrativo albergará as futuras oficinas e os vestiarios e só quedan pendentes os traballos de acabados, e na nave taller estase rematando a cuberta e a distribución interior. Os traballos do almacén están rematados e están executándose os traballos de traslado das marquesiñas”. Respecto a estas últimas, a presidenta provincial salientou que “unha parte importante da súa estrutura estaba situada no parque da Xunqueira, polo tanto seguimos un modelo de economía circular no que aproveitamos e reutilizamos todos os materiais posibles”. Tamén se está a reciclar o enreixado metálico de peche da parcela, procedente tamén da Xunqueira.

No caso da recuperación ambiental da Xunqueira de Alba, a presidenta puxo en valor que “xa se demoleu por completo o Parque de Maquinaria e estamos a piques de iniciar a demolición da Imprenta provincial”. Neste eido a presidenta fixo “un chamamento” aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia “para que tomen exemplo do que estamos a facer na Deputación: a recuperación de espazos ambientais, dentro do posible”. Lembrou que “parece mentira que quen ten competencias en materia ambiental non estea xa a traballar para a recuperación de toda a Xunqueira”, e vaticinou que “máis pronto que tarde terán que tomar estas mesmas decisións porque na Deputación imos estalo demandando, porque cada vez máis a cidadanía nos reclama ás administracións sermos responsables e que deamos exemplo”.

Carmela Silva e César Mosquera afean a postura da Conselleira de Infraestruturas
Respecto ás recentes declaracións da Conselleira de Infraestruturas para que a Deputación financie o traslado das instalacións que a Xunta ten na Xunqueira de Alba, como requirimento para liberar os terreos que ocupa no espazo natural, tanto a presidenta como o vicepresidente afearon a postura da administración autonómica. “Mentres que a Deputación ten un enorme compromiso por recuperar a Xunqueira, a Xunta en primeiro lugar dixo que non tiña terreos para trasladar as súas construcións”, sinalou Carmela Silva, “polo que xenerosamente se lle ofreceu a posibilidade de contar gratuitamente con terreos no Polígono de Barro, pero non obtivemos resposta”. Agora, a administración autonómica di que “hai que asinar un convenio onde a Deputación se encargue do derrubamento das súas dotacións da Xunqueira e da construción dos novos equipamentos en Barro”, o que Carmela Silva cualificou como “unha broma de humor negro” e “escusas de mala pagadora” para ocultar que “a Xunta non cre no medio ambiente, nin na transición ecolóxica, e non ten interese en que a veciñanza de Pontevedra recupere este espazo protexido”. En definitiva, “unha falta de sensatez, rigor e compromiso que non ten unha explicación racional. Non lles quedará outra que facelo porque se a Deputación pode investir 4,4 millóns, a Xunta –que xestiona 12.000 millóns de euros– tamén”.

Pola súa banda o vicepresidente César Mosquera tamén reaccionou duramente ante a petición da Consellería de Infraestruturas. Segundo indicou, xa cando o alcalde de Pontevedra falara co presidente da Xunta quedaran moitas dúbidas de que o goberno galego “tivera ningunha intención de liberar o dominio público marítimo terrestre”. “Agora esas dúbidas están aclaradas: A Xunta, que ten as competencias en medio ambiente é o maior axente antiambiental que hai en Galiza. Non quere, non quere –insistiu– liberar o dominio público marítimo terrestre e rexenerar o que nunca debeu ser ocupado. E parece tremendo”.

Mosquera agradeceu á presidenta a sensibilidade pola postura da Deputación no traslado do parque de maquinaria e a imprenta provincial, e puxo en valor que “é un exemplo de boas prácticas”. Subliñou que as administracións, cando poden, deben dar exemplo “porque moito se nos vai en palabrería, ecoloxía ou sustentabilidade pero despois hai que aplicar aquilo dos evanxeos de ‘A Deus rogando e co mazo dando’”. En calquera caso, o vicepresidente quixo deixar unha porta aberta a un cambio de postura por parte da Xunta. “Aínda teño esperanza de que cambien de opinión, pero témome que coa guerra coa que está o PP e a Xunta co dominio público marítimo terrestre, de prorrogar todas as concesións e manter todo o habido e por haber, paréceme que o asunto... A ver, a esperanza é o último que se perde”, finalizou.

Así será o Parque de Maquinaria no Polígono de Barro

No novo Parque de Maquinaria no Polígono de Barro estanse a construír unha nave principal destinada a acoller o taller de reparación e mantemento, naves de almacenaxe, un edificio administrativo con oficinas e tamén unha zona de aparcamento. O acceso ao complexo contará cunha zona verde e de circulación peonil. A continuación desta situaranse os edificios onde se desenvolverá a actividade. Arredor localizaranse as vías de tráfico rodado e, finalmente, no perímetro da parcela, situaranse as marquesiñas de maquinaria e de turismos, así como unha franxa verde que delimitará a zona.

Nas novas dependencias do Parque de Maquinaria situaranse o servizo de parque móbil da Deputación mailo persoal do servizo de Infraestruturas, concretamente 3 das 5 brigadas da provincia que estaban situadas xa na Xunqueira, o persoal do departamento administrativo asociado ao parque e as persoas maquinistas e mecánicas. Na nave central situarase a maquinaria empregada en obras e na conservación das estradas, e tamén se habilitará un espazo para desenvolver labores de reparación propios dun taller mecánico de maquinaria pesada. Terá unha pérgola especial para o camión góndola que permite transportar a maquinaria pesada, con espazo suficiente para a súa situación e para a carga e descarga. O edificio administrativo contará con salas de uso polivalente que poderán ser empregadas para actividades como reunións e xornadas de formación. Ademais, a construción da zona de almacén supón un fito importante xa que soluciona un problema histórico da Deputación, que carecía dun espazo centralizado para almacenaxe. Ata agora a institución alugaba distintos baixos para gardar material e deste xeito centralízase nun único lugar todo o material susceptible de conservar.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.