Luis López reedita o compromiso da Deputación co galego no Día de Rosalía, “figura clave” para que os escolares garantan mil primaveras máis para a lingua
A Deputación lanza unha nova edición do certame educativo Canta Rosalía, con premios didácticos por valor de 4.500 euros, para dar a coñecer a obra da poeta galega a través da gravación de pezas audiovisuais recitando poemas de Rosalía de xeito teatralizado
23/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta unha nova edición do certame escolar “Canta Rosalía” con motivo da conmemoración do Día de Rosalía que se celebrou este martes no salón de plenos do Pazo provincial coa visita do alumnado do CEIP A Carballeira, da parroquia pontevedresa de Lourizán. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e outros membros do seu goberno, o mandatario provincial convidou aos visitantes e a todos os estudantes de Educación Primaria e Secundaria da provincia a participar nun concurso que busca dar a coñecer a vida e obra de Rosalía de Castro e fomentar a lectura de poesía e o recitado dos versos da autora galega.
“Hoxe celebramos o día de Rosalía de Castro. Nós temos un concurso no que xa participastes o ano pasado e seguro que volveredes participar este ano, no que tedes que gravarvos un vídeo recitando un poema co que poderedes gañar premios consistentes en material educativo para que desfrutedes”, explicou o presidente Luis López despois de conversar cos alumnos do centro pontevedrés sobre as funcións da Deputación, nas que ademais de axudar aos 61 concellos da provincia, os escolares descubriron o papel de protección e difusión da cultura galega a través de diferentes iniciativas desenvolvidas ao longo do ano 2025 relacionadas tanto coas figuras tanto de Rosalía de Castro ou de Castelao e Otero Pedrayo. “Que teñen en común?”, preguntou o presidente, para dicirlles, a continuación, que a Deputación entregou o ano pasado tres premios co nome de tres autores que, segundo sinalaron os alumnos e alumnas, son escritores, galegos e que xa faleceron.
O certame vai dirixido a centros da provincia para que graven unha peza audiovisual protagonizada polo alumnado, incluíndo música, ambientación, vestiario e actuación; recitando algún poema de Rosalía de Castro. Haberá catro categorías de premios por tramos de idade: “Campaniñas”, para os cursos de 1º, 2º e 3º de Primaria; “Airiños”, para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria; “Fontiñas”, para os catro cursos de Secundaria; e “Paxariños”, para Educación Especial. En total repartiranse premios valorados en 4.500 euros consistentes en produtos didácticos e o prazo de inscrición remata o 20 de marzo.
No salón de plenos do Pazo provincial reuníronse arredor de 50 nenos e nenas do colexio da Carballeira de Lourizán para celebrar o Día de Rosalía de Castro. O presidente Luis López foi o encargado de darlle a benvida e explicar os obxectivos do certame Canta Rosalía. A continuación proxectouse o vídeo co traballo presentado ao certame na pasada edición e despois foi o alumnado o que subiu ao escenario para recitar poemas de Rosalía de Castro, no que tamén participou o deputado de Cultura, Jorge Cubela, e o director do centro Miguel Roibás. A conmemoración do Día de Rosalía rematou coa representación da función teatral “Brincadeiras fa lingua” de Migallas Teatro.
