Luis López recoñece o papel do Celta Zorka, máximo expoñente do baloncesto da provincia en España, na loita pola igualdade e na visibilidade do deporte feminino

O presidente provincial visitou este xoves o adestramento do primeiro equipo para felicitalas polo ascenso á Liga Feminina Endesa e animalas para conseguir a permanencia

07/03/2024

Luis López co Celta Zorka

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou o compromiso da Deputación coa igualdade e co deporte feminino. Fíxoo nesta tarde de xoves durante unha visita institucional ao adestramento do primeiro equipo do Celta Zorka, o único equipo de baloncesto da provincia que compite na máxima categoría nacional. “A nosa é unha provincia pequena, pero moi grande en deporte. E vós, o Celta, sodes as máximas expoñentes do noso baloncesto en España, levades o nome de Vigo e da provincia por todo o país. Quero felicitarvos e darvos as grazas por ese labor. Pero non só destacades no eido deportivo. Esta é unha semana especial, na que celebramos o Día Internacional da Muller, e nesta loita pola igualdade tamén estades a xogar un gran partido”, confesoulles o mandatario provincial ás xogadoras, en véspera da celebración do 8M.

Luis López aproveitou tamén a visita para darlles os parabéns ao equipo, ao corpo técnico e ás persoas que integran a directiva desta entidade polo éxito que supuxo o ascenso á Liga Feminina Endesa, a elite do baloncesto español na que non competía o Celta desde hai once anos. Ademais, o titular da Deputación tamén lle deu ánimos ao equipo, que está a loitar por conseguir a permanencia nesta categoría.

A visita ao Celta Zorka supón unha nova mostra do apoio do Goberno provincial ao deporte feminino e do seu traballo a prol da igualdade entre mulleres e homes. “Para nós o deporte feminino tamén é un motor de igualdade e queremos que teña, como mínimo, a mesma visibilidade que o masculino”, sostén o presidente.

Este compromiso por lle dar ao deporte feminino a visibilidade que merece e achegarlle á mocidade da provincia as súas referentes estase a ver referendada con acontecementos coma o partido da selección española de fútbol campioa do mundo en Pasarón no pasado mes de decembro ou o previsto para abril no Porriño da selección de balonmán. Un apoio que se complementa tamén co recoñecemento ao labor dos clubs da provincia, coma o que tivo lugar hai unha semana coa recepción no Pazo provincial por parte do presidente Luis López ao Poio Pescamar polo subcampionato acadado na Supercopa de España.

Galerias de imagenes