Luis López remarca o impacto de festivais audiovisuais coma o de Cans na oferta de calidade e descentralizada dunha “potencia cultural” coma as Rías Baixas
O mandatario provincial, acompañado polos deputados Jorge Cubela e Alejandro Lorenzo, reafirma o apoio da Deputación ao sector audiovisual, un aliado estratéxico para a proxección da provincia coma un destino turístico sustentable ligado á cultura
06/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca o impacto que os festivais audiovisuais que se celebran na provincia baixo a marca Rías Baixas Film Fest, patrocinada polo organismo provincial, teñen nunha oferta de calidade e descentralizada coma a das Rías Baixas, “unha potencia cultural”. Fíxoo na presentación da vixésimo segunda edición do Festival de Cans, unha referencia nacional no calendario de festivais cinematográficos. “É un festival que vai no espírito que estamos a promover desde a Deputación: Un paraíso natural ligado á cultura os 365 días do ano e coa que queremos chegar a todos os recunchos da provincia”, afirmou o presidente Luis López, que estivo acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela; e o deputado e rexedor do Porriño, Alejandro Lorenzo.
O Festival de Cans celebrarase nesta localidade do Porriño entre os días 20 e 24 de maio. Unha nova edición, a número 22, que volverá atraer á provincia aos mellores creadores e profesionais do sector audiovisual e na provincia e do país, así como amantes da sétima arte para desfrutar das mellores curtametraxes, videoclips e documentais entre outras pezas audiovisuais. Cinco días cargados de actos nun programa no que abundan as proxeccións, os encontros con profesionais, as entregas de premios e a música en directo nunha contorna tradicional e natural do interior da provincia dunha longa traxectoria cinematográfica. “Somos unha potencia natural e na atención ao visitante, e grazas a festivais coma o de Cans somos unha provincia moito máis atractiva, moito máis forte e moito máis xusta”, sostén o mandatario provincial.
Os principais festivais audiovisuais que se celebran na provincia están agrupados na marca Rías Baixas Fest, que conta cun patrocinio da Deputación que ascende a 170.000€, unha cifra que o goberno provincial elevou en 20.000€ desde a súa toma de posesión e da que ao festival de Cans lle corresponden máis de 33.500€. Un apoio que responde á aposta do organismo provincial por facer das Rías Baixas un destino turístico ligado á cultura. Neste punto o sector audiovisual xoga un papel fundamental polo seu potencial para dar a coñecer a provincia no exterior a través de rodaxes, da organización de festivais de cinema de alcance internacional e da proxección do talento dos cineastas locais que recoñecen certames impulsados pola Deputación coma Mulleres no Foco. “Temos un escaparte excepcional para amosar a todo o mundo as fortalezas que temos”, recoñeceu o presidente.
Ademais da achega de festivais coma o de Cans na consolidación das Rías Baixas coma un destino turístico de referencia, a colaboración da Deputación na organización deste tipo de festivais está relacionada coa estratexia de achegar os mellores servizos á veciñanza viva no concello que viva. Ademais de realizar investimentos en infraestruturas, desde a Deputación promóvese unha programación cultural de calidade espallada por toda a provincia. A celebración por primeira vez na historia da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín, o lanzamento do +Escénicas, o primeiro circuíto provincial de artes escénicas; e o apoio aos festivais de cinema demostran o compromiso da Deputación coa descentralización da cultura e a programación de eventos de calidade nos distintos concellos da provincia.
“Convido a todo o mundo a que veña a Cans. Se proban, van repetir e non o esquecerán nunca”, concluíu o presidente Luis López antes de amosar o agradecemento da Deputación a todo o equipo que fai posible a celebración dun festival coma o de Cans e reiterar o apoio do ente provincial ao sector audiovisual.
