Luis López sinala os 1,4M€ investidos na mellora do alumeado de Lérez como “outra mostra” da colaboración leal entre a Deputación e o Concello de Pontevedra
O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, visita a parroquia na que se instalaron 1.400 novos puntos de luz e 30 cadros de mando para reducir o consumo e mellorar a visibilidade
09/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este luns o remate dos traballos de renovación do alumeado público na parroquia pontevedresa de Lérez, sufragada ao 100 % polo organismo provincial cun investimento de 1,4M€ enmarcado nos 2,5M€ que destina cada ano a Deputación para convenios de colaboración co Concello de Pontevedra. Acompañado vicepresidente provincial, Rafa Domínguez; e o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, o mandatario provincial puxo en valor a lealdade institucional e a vontade de colaboración que amosan ambas as administracións que permiten facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da veciñanza.
“Nestes tempos de polarización e crispación damos outra mostra de que é posible chegar a acordos e realizar accións en beneficio da veciñanza con partidos de cores diferentes porque que temos un claro obxectivo que é a mellora dos servizos e as infraestruturas. Algo que debería ser normal, pero que nestes tempos adquiren unha extraordinaria relevancia”, declarou o dirixente. “Comparto o posicionamento do presidente. O Concello ten a obriga de chegar a acordos con todas as administracións, sempre con lealdade institucional e avanzando en cuestións prioritarias para a veciñanza”, engadiu o alcalde pontevedrés.
O proxecto, xa rematado, consistiu na renovación por completo da iluminación pública desta parroquia de Lérez a través da instalación de máis de 1.400 novos puntos de luz e a renovación de case 30 cadros de mando. Unha obra valorada en case 1,4M€ financiado ao 100 % polo organismo provincial e que se une a outra que xa está en marcha para a mellora do alumeado público na zona norte do concello, nos barrios de A Parda e Valdecorvos, por valor de 2,3€ que, como adiantou esta fin de semana o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, tamén será financiada por completo pola Deputación ao acordar aumentar a achega en 700.000 euros para cubrir a parte que lle correspondería ao Concello. Ademais, a nivel provincial, a Deputación tamén financia a renovación do alumeado público noutros 18 concellos da provincia cun investimento de 2,6M€. “Son actuacións que supoñen un aforro de luz importante, dan maior visibilidade para a veciñanza e, en tempos de temporais, conseguen que as avarías que poden xurdir non teñan lugar”, explicou López.
A colaboración por parte da Deputación co Concello de Pontevedra non se cingue unicamente a este Concello. No que vai de mandato, ascende a preto de 30M€ o investimento realizado polo goberno provincial na cidade da Pontevedra en proxectos de colaboración directa co Concello como a futura construción do novo viario de Mollavao, as obras nos campos de fútbol da Xunqueira ou Salcedo ou a organización dos Premios Feroz, así como outras actuacións beneficiosas para a veciñanza como a mellora na estrada de Tomeza ou os 5,5M€ reservados para a mellora da cidade infantil Príncipe Felipe. Neste sentido, o presidente provincial puxo en valor o labor que está a realizar o vicepresidente Rafa Domínguez desde o goberno provincial a prol da cidade de Pontevedra. “El é o que traballa estes acordos para que sexan unha realidade”, enxalzou o presidente.
“A colaboración é unha constante e vai seguir sendo así porque doutro lado sempre atopamos a man tendida do Concellos primando o interese dos veciños, polo que quero agradecer publicamente a colaboración leal do Concello e reafirmar o compromiso da Deputación co Concello de Pontevedra e cos 60 restantes da provincia”, concluíu o presidente Luis López.
