A Deputación estrea na praza de Galicia de Lalín a mostra itinerante “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” para poñer en valor as mulleres da emigración

A exposición, aberta ata o 1 de abril, enmárcase en “Seguimos con todas e para todas”, a programación da institución provincial “para conmemorar o 8 de marzo e reafirmar que o noso compromiso coa igualdade é irrenunciable”, afirmou a deputada Sandra Bastos

04/03/2024

Mostra itinerante “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”  en Lalín

Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación de Pontevedra e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, chegou a Lalín. A deputada provincial Sandra Bastos inaugurou esta exposición que se enmarca na programación “Seguimos con todas e para todas”, deseñada pola Deputación, tal e como afirmou, “para conmemorar o 8 de marzo e reafirmar que o noso compromiso coa igualdade é irrenunciable”.

Tras a apertura da mostra, que se poderá visitar na praza de Galicia de Lalín ata o 1 de abril, a directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, xunto á catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da mesma universidade, M.ª Xosé Rodríguez Galdo, e a adxunta á Valedora do Pobo, M.ª Xosé Porteiro, impartiron unha conferencia no concello de Lalín na que lles renderon homenaxe ás trece mulleres que forman parte de “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”.

Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón son as protagonistas da exposición. Mulleres, todas elas, para as que Pontevedra marcou unha parte importante da súa experiencia vital, ao mesmo tempo inserida nas súas vivencias en terras americanas, en países coma Brasil, Cuba ou Arxentina. O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distinto en época, duración ou circunstancias persoais é, entre outros factores, o que as une a todas. Para unhas, América constitúe o seu lugar de nacemento, outras mantiveron unha intensa e prolongada vivencia naqueles países; noutros casos a estadía máis curta, pero non menos intensa.

Tras pasar xa por Pontevedra e Vigo e chegar agora a Lalín, onde poderá visitarse ata o vindeiro 1 de abril na praza de Galicia, a mostra “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” continuará neste 2024 o seu percorrido polos concellos da provincia.