A Deputación publica o primeiro aviso fitosanitario deste 2024, no que advirte da aparición das primeiras esporas de mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda iniciar o tratamento antimildio en canto as viñas estean ben brotadas

29/02/2024

Primeiro aviso fitosanitario 2024

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar o primeiro aviso fitosanitario deste 2024, no que advirte da aparición das primeiras esporas de mildio. A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da institución provincial, recomenda iniciar o tratamento antimildio en canto as viñas estean ben brotadas.

Aínda que algúns algoritmos externos xa apuntaban á maduración da oospora de mildio a finais de xaneiro ou a pricipios de febreiro, como se sinala nun dos proxectos de Plasmowine, o certo é que a nivel práctico a Estación Fitopatolóxica Areeiro non puido confirmalo ata esta mesma semana.  Neste sentido, o persoal técnico de Areeiro asegura que as altas temperaturas, superiores ás rexistradas habitualmente nesta época, unidas a unha tempada moi chuviosa, son condicións favorables para enfermidades e pragas coma o mildio.  

A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda, tendo en conta que as previsións meteorolóxicas son similares para os próximos días, iniciar o tratamento en canto broten as viñas, e facelo, especialmente, naqueles predios máis afectados polo patóxeno na campaña anterior.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.