A Deputación abre este luns o prazo para participar no programa “Provincia Activa”, destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia

O programa ten como obxectivos favorecer a participación e a cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias, e fomentar a independencia das persoas maiores

28/01/2024

A Deputación de Pontevedra abre o prazo para participar en “Provincia Activa”, destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros. O programa ten como obxectivos favorecer a participación e a cooperación social, promover espazos de encontro e de intercambio de experiencias, e fomentar a independencia das persoas maiores.  As entidades interesadas en beneficiarse de “Programa Activa” poderán solicitalo entre este luns 29 de xaneiro e o 26 de febreiro.

A través deste programa ofreceranse un total de 130 obradoiros. Cada un deles estará dirixido a un máximo de 25 persoas e cada entidade solicitante poderá pedir un obradoiro de entre os ofertados, que, á súa vez, estarán enmarcados en seis temáticas: Benestar natural, Saúde en movemento, Emociónate, Outra vida, Con Ritmo e Redeir@s.

En Benestar natural inclúese un obradoiro sobre plantas medicinais e en Saúde en movemento, actividades de pilates, ioga e ximnasia de mantemento. Pola súa banda, Emociónate, centrada na saúde mental, abrangue obradoiros de memoria, musicoterapia ou risoterapia, e Outra vida conta con obradoiros centrados no teatro ou na restauración de mobles. A través de Con ritmo, a quinta das temáticas, ofertaranse cursos de bailes de salón, pandeireta e canto popular e, finalmente, con Redeir@s achegarase formación centrada en dotar as persoas maiores de habilidades dixitais e coñecementos avanzados en informática.