A Deputación mantén aberto ata o luns 26 de febreiro o prazo para participar no programa “Provincia activa”, destinado a favorecer o envellecemento activo

O programa, que este ano conta cun orzamento de 146.000 euros, ten como obxectivos favorecer a participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e fomentar a independencia das persoas maiores

19/02/2024

Última semana para solicitar participar en “Provincia activa”, o programa da Deputación de Pontevedra destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 146.000 euros, ten como obxectivos favorecer a participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e fomentar a independencia das persoas maiores.  As entidades interesadas en beneficiarse deste programa poderán facelo ata o vindeiro luns 26 de febreiro.

A través de “Provincia activa” ofreceranse un total de 130 obradoiros. Cada un deles estará dirixido a un máximo de 25 persoas e cada entidade solicitante poderá pedir un obradoiro de entre os ofertados que, á súa vez, estarán enmarcados en seis temáticas: Benestar natural, Saúde en movemento, Emociónate, Outra vida, Con ritmo e Redeir@s.

En Benestar natural inclúese un obradoiro sobre plantas medicinais e en Saúde en movemento, actividades de pilates, ioga e ximnasia de mantemento. Pola súa banda, Emociónate, centrada na saúde mental, abrangue obradoiros de memoria, musicoterapia ou risoterapia, e Outra vida, obradoiros relacionados co teatro ou coa restauración de mobles. Ademais, a través de Con ritmo, a quinta das temáticas, ofertaranse cursos de bailes de salón, pandeireta e canto popular, e, finalmente, con Redeir@s achegarase formación centrada en dotar as persoas maiores de habilidades dixitais e coñecementos avanzados en informática.