A Deputación reúne o consorcio do programa “Erasmus+” para analizar o estado actual das mobilidades internacionais do alumnado de FP

O vicepresidente, Rafa Domínguez, presidiu a xuntanza, na que lembrou o “absoluto compromiso” do Goberno provincial con estes “importantes” plans. “Trátase dunha firme aposta, que este ano conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros”, engadiu   

26/10/2023

REUNIÓN CONSORCIO ERASMUS+

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presidiu esta mañá no Pazo provincial a reunión cos centros educativos de FP da provincia que forman parte do consorcio de mobilidade dentro do proxecto “Erasmus+” 2023. Nela analizouse o peche e os resultados alcanzados co proxecto “Practicum Depo” 2021, o estado da situación do proxecto “Erasmus+” 2022 e a aprobación e inicio do “Erasmus+” 2023. Ademais, durante o encontro tamén se efectuou a repartición das mobilidades do persoal docente.

O vicepresidente aproveitou a xuntanza para lembrar que a Deputación está “moi ligada á educación” e que ten un “absoluto compromiso con estes plans. Cremos que son moi importantes e é unha firme aposta que este ano conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros”. Da mesma maneira, lembrou que o “Erasmus+” permite que as e os estudantes “poidan ter grandes experiencias, e penso que é unha bagaxe transcendental, non só desde o punto de vista académico, tamén desde o vital. Poden coñecer, analizar e vivir experiencias que os van marcar para ben”. Por iso, Rafa Domínguez agradeceu o compromiso dos membros do consorcio por ser “un nexo de unión entre a Deputación e o alumnado”.

A Deputación lanza cada ano unha convocatoria coa finalidade de acadar a adhesión de centros de Formación Profesional da provincia para conformar un consorcio e presentar de forma conxunta unha solicitude de proxecto nas convocatorias do programa “Erasmus+”. Actualmente, este consorcio está formado por corenta centros educativos pertencentes a 24 concellos: A Cañiza, A Estrada, As Neves, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín (2), Marín, Moaña, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontevedra (6), Redondela (3), Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo (9), Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Os centros que forman parte do consorcio impulsado pola Deputación poden ofrecerlles ás e aos estudantes recentemente titulados de Formación Profesional a posibilidade de realizar un período de prácticas en empresas e institucións situadas en distintos países da Unión Europea a través das mobilidades do “Erasmus+”. O propósito destas prácticas é que a mocidade da provincia adquira experiencia laboral, mellore o seu perfil profesional, adquira novos coñecementos relacionados coa súa profesión e, en consecuencia, mellore as súas perspectivas de emprego.

En concreto, en agosto deste ano rematou o “Practicum Depo” 2021, que contou cun orzamento de 911.000 euros e permitiu que 95 alumnas e alumnos realizasen mobilidades de longa duración, 12 de curta duración e que 6 profesores realizasen mobilidades de formación.  O país que máis alumnas e alumnos recibiu foi Italia, seguido de Portugal, se ben tamén houbo mobilidades que tiveron como destino Malta, Francia, República Checa, Irlanda, Finlandia e Alemaña.

Ademais, actualmente estase desenvolvendo o proxecto “Erasmus+” 2022, o cal xa acadou unha execución orzamentaria próxima ao 80 %, se ben aínda  existen fondos para que se poidan realizar máis mobilidades. Por último, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación acaba de concederlle á Deputación unha axuda para realizar o seu proxecto “Erasmus+” 2023 por importe de 1.182.155 euros, que se completará con 200.000 euros de fondos propios da Deputación.