A Deputación de Pontevedra recibe en Madrid un recoñecemento á calidade do proxecto “Erasmus+ 2023”

Durante o acto de entrega do galardón, este martes no Teatro Real de Madrid, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación remarcou a importancia desta iniciativa da institución provincial e o seu papel para “conectar o mundo educativo co laboral”

12/12/2023

Recoñecemento á calidade do proxecto “Erasmus+ 2023”

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir en Madrid un recoñecemento á calidade do proxecto “Erasmus+ 2023”. Durante o acto de entrega do galardón, este martes no Teatro Real, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), organismo dependente do Ministerio de Universidades, remarcou a importancia desta iniciativa da institución provincial e o seu papel para “conectar o mundo educativo co laboral”.

O acto tivo lugar no marco da Xornada Anual de Difusión Erasmus+, unha cita na que se puxeron en valor os logros do programa en cada un dos sectores educativos, visibilizando exemplos de boas prácticas e testemuñas. A Deputación de Pontevedra foi unha das 69 entidades e persoas do territorio español recoñecidas pola súa calidade na xestión deste programa que busca completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea.

A Deputación de Pontevedra desenvolve o proxecto “Erasmus+” a través dun consorcio formado por 40 centros de Formación Profesional de 24 concellos da provincia. O propósito desta iniciativa é conseguir que o alumnado mellore o seu perfil profesional e adquira experiencia laboral e novos coñecementos relacionados coa súa profesión para mellorar, en consecuencia, a súa perspectiva de emprego.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.