A Deputación destina 21.000 € para completar a formación de sete mozos da provincia no estranxeiro

Estes recursos forman parte do programa Erasmus+, a iniciativa que promove a institución provincial que acaba de ser premiada a nivel estatal pola súa capacidade para facilitar a transición ao mercado laboral do alumnado de ciclos formativos de FP

15/12/2023

rolda de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 21.000 € para completar a formación de sete alumnos da provincia no estranxeiro. Estes recursos forman parte do programa Erasmus +, unha iniciativa que impulsa a Deputación de Pontevedra para completar a formación da xuventude e que, tal e como explicou o presidente, acaba de ser premiada esta mesma semana a nivel estatal pola súa capacidade para facilitar a transición ao mercado laboral do alumnado de ciclos formativos de FP de centros educativos da provincia.

O presidente, Luis López, explicou que os 21.000 € irán dirixidos a sete mozos que desde outubro se atopan a realizar prácticas en Portugal, Malta, Irlanda e Italia, e teñen por obxectivo permitirlles ampliar a súa estancia no estranxeiro ata un ano natural. Son alumnos do IES de Pontevedra (Luis Seoane), de Vigo (Audiovisual e A Guía), de Tui (Indalecio Pérez Tizón) e de Gondomar (Terra de Turonio), que recibirán entre 2.240 e 4.880 € para complementar gastos de aloxamento, manutención, viaxe ou transportes locais derivados da realización das prácticas laborais en empresas e institucións do estranxeiro.

O programa Erasmus+ da Deputación de Pontevedra enmárcase na firme aposta do Goberno provincial de situar á xuventude como protagonista da acción política. “Queremos –asegurou Luis López– dotalos de ferramentas que contribúan a mellorar a súa formación e reforzar as súas competencias e, deste xeito, ter máis facilidades á hora de transitar do ámbito educativo ao laboral. Pero tamén queremos que teñan oportunidades e que estas xurdan aquí, na provincia de Pontevedra, así que agardo que tras este ano en Portugal, Malta, Irlanda e Italia, absorbendo coñecemento, regresen á provincia e poidan aplicar, aquí, todo o que aprenderon”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.