O TSXG declara firme a sentenza que obriga á Xunta de Galicia a restaurar e manter o Pazo de Lourizán en cumprimento do convenio coa Deputación

A Consellería de Medio Ambiente, que deberá informar ao tribunal da execución da sentenza nun prazo de 10 días, non presentou recurso contra a resolución da Sala do Contencioso-Administrativo

05/05/2022

A sentenza que condena á Xunta de Galicia a realizar as obras de rehabilitación e mantemento do Pazo de Montero Ríos, en Lourizán, xa é firme. Así vén de decretalo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non presentase recurso contra a sentenza emitida o pasado mes de febreiro pola Sala do Contencioso Administrativo do tribunal galego.

O TSXG non só declara a firmeza da sentenza, senón que outorga un prazo de 10 días para que a Consellería “a leve a puro e debido efecto”, é dicir, cumpra cos contidos da sentenza pola que foi condenada a executar as obrigas derivadas do convenio asinado en 1991 coa Deputación sobre a restauración e mantemento desta xoia do patrimonio civil de Galicia, declarada como Ben de Interese Cultural (BIC).

A sentenza do pasado febreiro estimou o recurso contencioso-administrativo presentado pola Deputación para que o Goberno galego respondera das súas obrigas. A institución provincial optou por levar o asunto aos tribunais despois de que a Xunta de Galicia incumprise o convenio durante os últimos 30 anos e, ademais, non dera resposta ás peticións formuladas.

Por tanto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está xa condenada en firme “a cumprir coa súa obriga  de efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán”, atendendo aos termos establecidos nos convenios asinados por ámbalas dúas administracións o 22 de xaneiro de 1991 e o 21 de xaneiro de 2000, tal e como sempre defendeu a Deputación. Ninguna duda hay en los convenios sobre la obligación de la Administración autonómica de efectuar las obras de conservación del Pazo de Lourizán”, afirma o texto legal, “atendiendo a su carácter bilateral, fuente de obligaciones para ambas partes, y dados sus objetivos orientados al interés público, en concreto, de cooperación en materia de investigación agraria orientada al sector forestal, así como en la divulgación de dichas investigaciones y a la formación profesional en el sector”. A sentenza tamén certificou que “está acreditada la existencia de la obligación, a cargo de la Administración autonómica, de efectuar las obras de conservación necesarias para el mantenimiento de la zona noble del actual conjunto, y de que dicha obligación está siendo incumplida, cuando no consta que por parte de la Diputación se hayan incumplido sus obligaciones”.

As peticións da Deputación á Xunta de Galicia para que acometera a rehabilitación integral do Pazo de Lourizán teñen sido unha constante nos últimos anos. En 2016 a institución reclamou publicamente a execución das obras pactadas. En outubro de 2017 remitíuselle  ao Goberno galego unha memoria valorada do servizo provincial de Arquitectura, por importe de 14,2 millóns de euros, para a rehabilitación integral do inmoble. Un mes despois enviouse outra comunicación á Secretaría Xeral de Cultura solicitando que exercera as súas competencias en materia de patrimonio histórico-artístico. Ao non recibirse ningunha resposta a todas estas iniciativas, o Pleno provincial autorizou a interposición do recurso contencioso-administrativo en marzo de 2019. Finalmente, en xuño de 2021 o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, remitiu unha carta ao ex-presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, lembrándolle todos estes antecedentes e invitándoo a tramitar a actuación con fondos europeos Next Generation.