A Deputación pon a funcionar este xoves un programa de visitas guiadas á exposición sobre San Sebastián no Museo de Pontevedra cun percorrido comentado polo comisario, Xosé Manuel Buxán

As visitas a cargo do comisario da mostra terán lugar os xoves 26 de febreiro e 12 e 26 de marzo ás 18 h, mentres que os sábados ás 12 h terán lugar as introducións á exposición realizadas polo equipo de Educación do Museo

24/02/2026

A Deputación pon a funcionar este xoves un programa de visitas guiadas á exposición sobre San Sebastián no Museo de Pontevedra cun percorrido comentado polo comisario, Xosé Manuel Buxán

A Deputación pon en marcha a partir desta semana no Museo de Pontevedra as visitas guiadas á exposición ‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’, que se exhibe no Edificio Castelao ata o 5 de abril. Haberá tres visitas comentadas polo comisario da mostra, o profesor Xosé Manuel Buxán. A primeira será este xoves 26 de febreiro ás 18:00 h e as seguintes os xoves 12 e 26 de marzo, á mesma hora. Estas visitas completaranse cos percorridos introdutorios orientados polo equipo de Educación do Museo, que terán lugar os sábados a partir do 7 de marzo, ás 12:00 h.

A participación nas visitas guiadas polo comisario require inscrición, que se pode facer xa a través da web do Museo: museo.depo.gal. Para as visitas introdutorias á exposición dos sábados non é necesaria a inscrición. Tamén está dispoñible a reserva de visitas guiadas na primeira quincena de marzo para a exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, que se realizan os xoves ás 18:00 h e os domingos ás 12:00 h.

‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’, está comisariada polo profesor Xosé Manuel Buxán Bran, artista e decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e Natalia Fraguas Fernández, conservadora responsable dos gravados da colección do Museo de Pontevedra. A mostra reúne 77 gravados que van do Renacemento do século XVI ata as vangardas e a contemporaneidade do século XX, cunha presenza destacada de estampa barroca dos séculos XVII e XVIII. Isto complétase coa presenza da imaxe de San Sebastián na cultura e na sociedade actuais, a través de capas de libros, discos e revistas, deseños de camisetas, perfumes ou elementos publicitarios.

O proxecto expositivo xorde da investigación que o profesor Buxán Bran presentara en 1995 na Universidade do País Vasco coa súa tese doutoral, titulada Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir. Unha visión desde o presente. Ao longo dos anos, o comisario e crítico continuou esa investigación sobre o eros e a imaxe de Sebastián, que agora se presenta nesta exposición, a primeira de tal alcance que se lle dedica en España á figura deste mártir, e que ademais se fai nunha cidade da que é patrón.

Galerias de imagenes