A Deputación organiza unha xornada informativa con integrantes da Rede Info Rías Baixas para avanzar nos retos turísticos de 2026

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, reuniuse con responsables das oficinas de turismo da rede “para planificar as liñas estratéxicas do turismo provincial cara o próximo ano, escoitando de primeira man as súas achegas, inquedanzas e propostas co obxectivo de avanzar cunha visión compartida e coordinada do destino Rías Baixas”

16/12/2025

Luis López visita Salvaterra de Miño

A Deputación de Pontevedra celebrou unha xornada informativa con integrantes da Rede Info Rías Baixas para avanzar nos retos turísticos de 2026. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, xunto coa directora Romina Fernández, reuniuse con responsables das 32 oficinas que integran esta rede provincial  "para  planificar as liñas estratéxicas do turismo provincial cara o próximo ano, escoitando de primeira man as súas achegas, inquedanzas e propostas co obxectivo de avanzar cunha visión compartida e coordinada do destino Rías Baixas".

Durante a xuntanza abordáronse cuestións clave para o funcionamento e fortalecemento da Rede Info Rías Baixas, entre as que destacan a actualización e as vantaxes de adhesión en termos de imaxe, calidade turística e promoción. Tamén se fixo entrega da mascota do proxecto RíasBaixasGO ás oficinas e analizáronse aspectos relacionados coas liñas de subvencións do organismo provincial en materia turística. Tamén se presentaron as bases e novidades de novas axudas que se porán en marcha no 2026 centradas na promoción, tanto offline como a través de accións online e de eventos.

Nestes momentos forman parte da Rede Info Rías Baixas as oficinas de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas (Pontevedra), Baiona, Cambados, Cangas do Morrazo (Casa da Bola),  A Estrada, O Grove,  A Guarda, Nigrán (Dunas de Gaifar), Oia, Poio (Casal de Ferreirós), O Porriño, Sanxenxo (porto deportivo), Tui, Vilagarcía e Vilanova de Arousa (Mar de Santiago). Tamén os puntos de información turística de Bueu, Cangas (O Peirao), A Illa de Arousa, Marín, Meaño (Dena), Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán (A Ramallosa), Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño (Museo do Viño), Silleda (Mosteiro de Carboeiro), Soutomaior, Vilagarcía (Museo do Ferrocarril) e Vilanova de Arousa (Casa-Museo Valle Inclán).