A Deputación de Pontevedra e a de Ourense suman sinerxías para optar a fondos europeos en materia de eficiencia enerxética e envellecemento saudable

O deputado Javier Tourís mantivo unha reunión co deputado ourensán José María Lago para valorar as liñas de colaboración que manteñen ambas institucións provinciais

17/07/2025

A Deputación de Pontevedra e a de Ourense suman sinerxías

A Deputación de Pontevedra e a de Ourense suman sinerxías para optar a fondos europeos en materia de eficiencia enerxética e envellecemento saudable. O deputado de Fondos Europeos Javier Tourís mantivo esta mañá un encontro de traballo co deputado de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, José María Lago, para valorar as liñas de colaboración que manteñen ambas institucións no marco do compromiso de cooperación aberto o pasado mes de febreiro.

Na xuntanza, celebrada na sede da Deputación de Pontevedra, abordáronse as solicitudes presentadas conxuntamente a fondos europeos para a execución de proxectos nos ámbitos da eficiencia enerxética e de envellecemento saudable. Tamén analizaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración co obxectivo de vertebrar o territorio transfronteirizo de ámbalas dúas provincias, tanto na marxe do río Miño como da Raia Seca.

Ademais destas cuestións, na xuntanza, na que estiveron presentes o xefe do servizo de Cooperación, Marcos Areán, da sección de Iniciativas Comunitarias, José Antonio Piñeiro, e a directora de Proxectos Europeos, Susana Fernández, tamén se abordou a posibilidade de dar continuidade á dinamización do turismo sostible a través de iniciativas compartidas con outras deputacións provinciais españolas.