A Deputación inicia esta semana a campaña de publicidade exterior do destino Rías Baixas no mercado nacional de proximidade
A campaña A túa meta, o teu destino estará presente ata finais de xuño en pantallas de gran formato e mupis de Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana e Madrid. Con esta acción prevense alcanzar os dez millóns de impactos
07/06/2026
A Deputación de Pontevedra inicia esta semana a campaña de publicidade exterior do destino Rías Baixas no mercado nacional de proximidade. A campaña A túa meta, o teu destino estará presente ata finais de xuño en pantallas de gran formato e mupis de Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana e Madrid e con esta acción prevense alcanzar os dez millóns de impactos.
O obxectivo desta iniciativa é consolidar Rías Baixas no mercado de proximidade como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable que conecta territorio, persoas e experiencias. Deste xeito, a campaña poderase ver en pantallas de gran formato da zona de embarques e do vestíbulo principal da estación de Santa Justa, en Sevilla; e nos vestíbulos principais das estacións Joaquín Sorolla en Valencia, Málaga, Atocha en Madrid e Sants en Barcelona.
No que respecta aos mupis, situaranse un total de 8, con dous na cidade de Alacante e un nas de León, Zamora, Salamanca, Avilés, Xixón e Oviedo. En todos eles proxectarase a imaxe de A túa meta, o teu destino, unha campaña na que a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa promoción dun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico, social e territorial.