A Deputación salienta a pegada de Matilde Vázquez no teatro lírico español nun faladoiro en Cambados do programa Aquí faltan páxinas
“Necesitamos poñer no foco o importante papel de mulleres desta provincia como Matilde Vázquez, que abriron o camiño a outras moitas e traballaron para facer de Pontevedra un lugar mellor”, subliñou a deputada de Igualdade Paula Bouzós
26/02/2026
A Deputación salienta a pegada de Matilde Vázquez no teatro lírico español nun faladoiro que acaba de acoller a Sala Pitusa da Casa da Calzada, en Cambados, enmarcado na terceira edición do programa Aquí faltan páxinas. “Necesitamos poñer no foco o importante papel das mulleres desta provincia como Matilde Vázquez, soprano natural de Cambados e afincada en Madrid que representa o esplendor da zarzuela e que foi quen de abrir o camiño a outras moitas e de facer de Pontevedra un lugar mellor”, subliñou a deputada de Igualdade Paula Bouzós.
Deste xeito, no faladoiro detallouse a traxectoria de Matilde Vázquez da man de Marieta Lorenzo, investigadora musical e arquiveira da Real Filharmonía de Galicia. Recordouse a súa chegada a Madrid, onde comezou a recibir leccións de música e canto co mestre Luis Iribarne. Tamén o seu percorrido profesional como cupletista, despois no xénero da revista e como a súa carreira despegou en 1927 co seu debut na zarzuela, incluso sendo protagonista de versións cinematográficas e facendo varias xiras por Hispanoamérica. Tras a guerra civil fundou a súa propia compañía e deixou rexistro discográfico con intérpretes como Marcos Redondo e Juan García. Retirouse arredor de 1955 e a partir de aí dedicaríase á pintura de xeito afeccionado. Faleceu en 1992 e deixou unha traxectoria que representa o esplendor da zarzuela española no seu momento máis brillante, así como un legado de repertorio clásico que tivo unha influencia duradeira no teatro lírico español.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala e Marisol Soengas, ao dedicado a Matilde Vázquez seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da fotógrafa e xornalista Corona González, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.
