A Deputación obtén a autorización de Patrimonio para realizar a intervención arqueolóxica en Santa Clara, que se amplía ao bosque para converterse na actuación máis ambiciosa de Galicia dos últimos 15 anos

Rafa Domínguez adianta que no próximo Pleno aprobarase unha modificación de crédito para incrementar a dotación económica do proxecto de Santa Clara ata os 10 M€. “Imos inxectar 3,5M€ máis para garantir a viabilidade de Santa Clara”, remarcou

17/02/2026

Rafa Dominguez

A Deputación de Pontevedra acaba de obter a autorización de Patrimonio para realizar a intervención arqueolóxica en Santa Clara. Unha intervención que, ademais de actuar no recinto conventual, se estende por petición de Patrimonio ao bosque e, deste xeito, se converte na “actuación arqueolóxica máis importante de Galicia nos últimos 15 anos”, tal e como subliñou o vicepresidente. Co obxectivo de cumprir estes novos requisitos, no próximo Pleno aprobarase unha modificación de crédito para incrementar a dotación económica do proxecto ata os 10M€, inxectando “3,5 M€ máis para avanzar na obra protexendo o patrimonio histórico e, así, garantir a viabilidade de Santa Clara”.

“Hoxe é un día moi importante para Santa Clara porque temos o visto e prace de Patrimonio para poder avanzar na protección do noso legado cultural e porque reforzamos as reservas económicas para adaptarnos ás necesidades técnicas do proxecto”, subliñou o vicepresidente, que recordou que a estes 10M€ aportados pola Deputación, trala modificación de crédito de 3,5M€ que se prevé aprobar no próximo pleno, hai que engadir os 6 M€ comprometidos xa pola Xunta de Galicia. “Temos a folla de ruta definida, temos as directrices de Patrimonio e, con estes recursos que ascenden a 16 M€ e esta intervención arqueolóxica, as obras de Santa Clara serán xa moito máis visibles”, asegurou Domínguez.

“A vontade deste goberno provincial é avanzar e dar pasos firmes, mentres outros poñen trabas, con seguridade xurídica e respecto ao patrimonio de todas e de todos”, remarcou Domínguez. Neste eido, subliñou o importante traballo que están a desenvolver diferentes servizos da Deputación para que Santa Clara sexa unha realidade: desde arquitectura, ata os servizos xurídicos, contratación, arqueoloxía ou o Museo de Pontevedra. “O proxecto de Santa Clara está moi vivo, non estivemos parados”, reivindicou o vicepresidente, que recordou que nestes máis de dous anos de goberno, ademais de conseguir a autorización de Patrimonio e reforzar o investimento ata os 10M€, tense reformado o proxecto para evitar construír un depósito de restos arqueolóxicos nos xardíns; iniciáronse os trámites para facer un novo depósito; licitouse a redacción do proxecto e da dirección de obra por valor de 1,7M€; realizáronse as catas arqueolóxicas; identificáronse pinturas antigas como non hai outras en Galicia; mercáronse os bens de Santa Clara; e tense realizado o proxecto de conservación e restauración que está xa adxudicado e o proxecto arqueolóxico que acaba de autorizar Patrimonio.

Galerias de imagenes