A Deputación leva este sábado a Vilaboa o circuíto +Escénicas cun espectáculo de maxia, teatro e monicreques

“Sim Salabim”, do Mago Javier Muro, representarase ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Riomaior

01/01/2026

V

A Deputación de  Pontevedra leva este sábado 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao Concello de Vilaboa  da man do espectáculo de maxia, teatro e monicreques “Sim Salabim”, a cargo do  Mago Javier Muro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta  iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos  de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros,  45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Sim Salabim”, que se  representará na Casa da Cultura de Riomaior  ás 20:00 horas, é un espectáculo onde os  bonecos cobran vida: móvense, falan, contan cousas das súas vidas e tamén fan  maxia, porque eles son os protagonistas do espectáculo. Aparecen, desaparecen,  voan polo aire, enfádanse, pero sobre todo farán pasar unha tarde moi divertida  aos espectadores. Maxia, teatro e monicreques mestúranse para crear un  espectáculo moi divertido e entretido para toda a familia.

Co circuíto +Escénicas, a  Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai  máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo  de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo  de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación  de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.