A Deputación esgota en minutos as prazas da ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” na Serra do Suído

A ruta, impulsada da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 26 de maio e permitirá observar aves no sistema montañoso ao seu paso por Covelo, Fornelos de Montes e A Lama

13/05/2024

Este luns esgotáronse, en cuestión de minutos, as 25 prazas que habilitou a Deputación de Pontevedra para poder participar na cuarta ruta ornitolóxica da actual edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, que promove a institución provincial en colaboración con SEO/BirdLife. Trátase dunha actividade que terá lugar na Serra do Suído, ao seu paso polos concellos de Covelo, Fornelos de Montes e A Lama o próximo 26 de maio.

A Serra do Suído é un sistema montañoso famoso pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. Caracterízase polos altiplanos, nos que abundan os pastizais e o monte baixo de breixos, toxos e carqueixas, mentres que, na súa parte baixa, conta con vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados. Na primavera o no verán acolle grandes aves rapaces como o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes do monte baixo campan a tartaraña cincenta e a gatafornela. Tamén é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino, e non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca e demais paxariños propios destes hábitats.

O percorrido estará ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, incluíndo autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos, dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas e mais cadansúa guía.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais dos catro itinerarios xa realizados ou coas inscricións pechadas, outras tres rutas ornitolóxicas por espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou pertencentes á Rede Natura 2000: o 26 de xuño na praia da Lanzada (O Grove), o 29 de setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e, finalmente, o 17 de novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.