#MEDIONATURAL
Voando nas Rías Baixas
Rutas ornitolóxicas
As Rías Baixas ofrecen enclaves únicos ao longo da provincia de Pontevedra, desde tramos de costa acantilada e rochosa, amplos areais ou illas ata os montes densos e verdes do interior; en definitiva, lugares incomparables onde atopar unha extraordinaria biodiversidade de flora e fauna, coma aves (nidificantes, migratorias…), que fan da provincia de Pontevedra un destino con gran variedade de localizacións para a súa observación nas distintas estacións do ano e que atraen un numeroso público nacional e internacional.
Por iso, a Deputación de Pontevedra pon en marcha un ano máis o programa “Voando nas Rías Baixas” co obxectivo de contribuír á conservación e á posta en valor dos recursos naturais e ao desenvolvemento turístico e económico das zonas de alto valor ecolóxico, na súa maioría con figuras de protección tan importantes coma a Rede Natura 2000, a través da observación e do coñecemento das distintas especies de aves, o que proporciona, ademais, sensibilidade e conciencia ambientais.
RUTAS ORNITOLÓXICAS NO 2026
| Actividade | Día da actividade | Prazo de inscrición |
|---|---|---|
|
A Foz da Ramallosa e A Praia América (Nigrán) - Prazas esgotadas
|
08.02.26 | 26.01.26 ás 9 h |
|
As Brañas de Xestoso (Silleda e Forcarei)
|
24.05.26 | 11.05.26 ás 9 h |
|
Praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo)
|
21.06.26 | 08.06.26 ás 9 h |
|
Cabo Udra (Bueu)
|
13.09.26 | 31.08.26 ás 9 h |
|
Esteiro do Miño (A Guarda)
|
11.10.26 | 28.09.26 ás 9 h |
|
Desembocadura do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio)
|
15.11.26 | 02.11.26 ás 9 h |
|
Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo)
|
13.12.26 | 30.11.26 ás 9 h |
CONDICIÓNS DO PROGRAMA
- Todas as actividades contempladas no programa "Voando nas Rías Baixas" son gratuítas.
- As prazas son nominais, polo que será un requisito imprescindible presentar o DNI ao comezo de cada actividade.
As titoras e titores legais das e dos menores de idade que non dispoñan do DNI deberán presentar un documento acreditativo da súa identidade.
Non presentar o documento de identidade correspondente implica o rexeitamento da ou das persoas a participar na devandita actividade. - As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
- Cada visita terá unha duración aproximada de dúas (2) horas.
- Ofertaranse un máximo de 25 prazas por visita, xa que os grupos non deben ser moi numerosos ao tratarse dunha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza.
- Para cada actividade haberá dous puntos de encontro; un, na zona onde esta se realice, de maneira que cada participante poderá escoller o punto de encontro que mellor lle conveña segundo as indicacións sinaladas no correo de confirmación da praza. Só se lles facilitarán os puntos de encontro ás persoas que finalmente participen na actividade.
- Para asistir a cada actividade ofrécese un autobús que conectará os dous puntos de encontro e que servirá para realizar as visitas guiadas nas zonas onde estas se desenvolvan.
- As persoas que participasen no programa no ano 2025 non poderán repetir a mesma ruta no 2026.
- Non poderán participar no programa "Voando nas Rías Baixas" as persoas que non estean debidamente inscritas e recibisen a confirmación.
INSCRICIÓNS NAS VISITAS
Todos os períodos de inscrición comezarán ás 9 h dos días sinalados en cada unha das rutas, momento no cal se habilitará un formulario en liña nesta mesma páxina web no que se poderán anotar a persoa solicitante e tres (3) acompañantes; é dicir, un máximo de catro (4) persoas por inscrición.
Este formulario pecharase cando se reciban suficientes inscricións para cubrir tanto as prazas dispoñibles coma a lista de agarda, e non se poderán realizar novas inscricións. Ademais, non se aceptarán inscricións por outras vías (correo electrónico nin teléfono).
Por último, non se permiten cambios nin correccións nas solicitudes, é dicir, as persoas que figuran na solicitude son as únicas que están inscritas no programa e as que poderán participar neste, de ser o caso.
CONFIRMACIÓNS DAS VISITAS
A lista conformarase por rigorosa orde de chegada das inscricións. A partir dese momento, a semana anterior á realización da ruta, as 25 primeiras persoas recibirán un correo para que confirmen a súa asistencia ou rexeiten a praza coa maior brevidade posible e, en todo caso, antes do luns anterior á realización da ruta, ás 12 h. Se existisen renuncias, enviaráselles un correo de confirmación ás seguintes persoas da lista de agarda, as cales deberán respectar o mesmo prazo ou, de enviarse pasado o devandito prazo, deberán contestar canto antes e sempre antes do xoves anterior á realización da ruta, ás 12 h. As confirmacións realizadas a partir dese momento debidas a renuncias de última hora deberán contestarse antes das 12 h do venres anterior á realización da ruta; toda comunicación posterior non se terá en conta.
É obrigatorio contestar os correos de confirmación de praza, polo que as persoas que non respondan ou non o fagan nos prazos establecidos quedarán automaticamente excluídas da lista e non poderán participar na ruta para a cal se lles confirmou a praza, nin en ningunha das outras incluídas no programa "Voando nas Rías Baixas" durante todo o ano.
Así mesmo, esta mesma penalización aplicaráselles a aquelas persoas que, tras confirmar a asistencia, non se presenten á actividade.
As persoas penalizadas que formen parte dunha nova inscrición, ben como solicitantes ou acompañantes, non se terán en conta á hora de realizar as confirmacións das prazas.
RECOMENDACIÓNS E MATERIAL
- A roupa debe ser cómoda e de abrigo nos meses fríos, e o calzado, apropiado para moverse polo campo.
- As excursións contarán con dúas persoas guías da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife de Pontevedra, con experiencia e coñecementos contrastados.
- Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar as aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar delas sen molestalas.
- Entregaráselle unha guía de aves a cada participante, excepto a quen xa dispoña dela.
- Recoméndase levar unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo, e tamén prismáticos e guías de campo a quen xa conte con eles.
Para más información, podes contactar co Servizo de Medio Ambiente no correo electrónico medioambiente@depo.gal ou no teléfono 886 210 725, en horario de 8 a 15 h, de luns a venres.