A Deputación leva este domingo ata Cambados e Ribadumia o programa “Voando nas Rías Baixas”

A ruta ornitolóxica, impulsada pola institución provincial da man de SEO/BirdLife e con todas as prazas xa esgotadas, permitirá observar aves nas ribeiras do río Umia

07/04/2024

A Deputación de Pontevedra leva este domingo ata os concellos de Cambados e Ribadumia o programa “Voando nas Rías Baixas”, con todas as súas prazas xa esgotadas. Trátase dunha ruta ornitolóxica, impulsada pola institución provincial da man de SEO/BirdLife, que permitirá observar aves no último tramo do río Umia, un espazo protexido pola Rede Natura 2000.

Neste tramo de ribeira do Umia pódense avistar paseriformes, concretamente nas árbores de sombra (exemplares de papuxa das amoras, pimpín común, subeliño común ou ferreiriño), mentres que as paisaxes agrícolas que rodean esta zona atraen outras aves coma o xílgaro, o tordo común, a bubela, a andoriña común e dáurica, a rula común ou o lagarteiro común. Máis adiante, preto da súa desembocadura no Complexo Intermareal Umia-O Grove, o esteiro é idóneo para aves acuáticas coma as garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.

O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais deste percorrido pola ribeira do Umia, outras catro rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en maio, a Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo); en xuño, a praia da Lanzada (O Grove); en setembro, as lagoas de Rouxique (Sanxenxo); e, en novembro, o esteiro do río Miño (A Guarda).