Luis López anuncia que a Deputación simplificará os trámites para realizar obras na contorna das estradas provinciais ao seu paso polos núcleos rurais

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, presenta a concelleiros e técnicos da provincia as liñas mestras do estudo que marcará un punto de inflexión para centos de propietarios, que verán revalorizadas as súa parcelas e reducidos os trámites para obrar

12/12/2024

Luis López nunha xornada sobre informes das estradas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a simplificación por parte do organismo provincial dos trámites para realizar obras nas parcelas da contorna das estradas provinciais ao seu paso polos núcleos rurais. Un punto de inflexión para os donos destes terreos en dez concellos da provincia que verán revalorizadas as súas fincas e reducidos os trámites para obrar que o mandatario provincial presentou este xoves no salón de actos do Edificio Administrativo diante de rexedores, concelleiros e técnicos de infraestruturas dos concellos beneficiados por este estudo de delimitación de treitos urbanos en solos de núcleo rural das estradas provinciais que está a tramitar a Deputación.  “É sabido que o mantemento das estradas provinciais é unha das competencias máis relevantes que ten a Deputación e a asistencia aos concellos, tamén. Pois este estudo combina estas dúas áreas: Infraestruturas e Asistencia Intermunicipal”, explicou o presidente, que estivo acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo.

Así mesmo, o dirixente provincial destacou o apoio en materia de infraestruturas e asistencia intermunicipal que o ente provincial presta aos concellos cunha suba do 47,5 % e do 14 %, respectivamente, para o vindeiro ano 2025 que suporá a mobilización de case 30 millóns de euros: 24,4 millóns, na primeira; e 4,7 millóns, na segunda.

Luis López nunha xornada sobre informes das estradas xunto coa deputada Isabel Couselo

A xornada á que acudiron representantes dos dez concellos beneficiados por este estudo, entre os que se atopan Vilaboa, Silleda, Moaña, A Estrada, Marín, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Valga, Ponteareas e Vilanova de Arousa, serviu para poñer en común a finalidade do proxecto. Unha ferramenta que permitirá aos concellos simplificar os trámites, prescindir dos informes sectoriais que ata agora eran necesarios e aplicar a ordenación urbanística municipal a aquelas parcelas situadas ás beiras das estradas provinciais ao seu paso por núcleos rurais. Trátase dun instrumento que permite recoñecer como treitos urbanos os solos de núcleo rural xunto ás estradas provinciais. Entre os beneficios da aplicación deste estudo, sobresae a redución de conflitos entre normas urbanísticas e sectoriais para o desenvolvemento de proxectos construtivos, así como a protección da contorna rural e a mellora da seguridade viaria.

Por outro lado, o presidente López fixo fincapé no esforzo que a Deputación está a realizar nos 1.600 quilómetros que compoñen a rede de estradas provinciais “para tela impecable”. Citou o dirixente os 39 millóns de euros que destinará nos vindeiros anos a Deputación ao mantemento das estradas ou os convenios subscritos cos concellos para mellorar treitos de estradas en todo o territorio. “E todas estas actuacións teñen un punto en común, que levan a sinatura de Isabel Couselo”, eloxiou o presidente destacando a súa capacidade para visitar todas as estradas provinciais e manter encontros de traballo con alcaldes e veciños de toda a provincia.

Así mesmo, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación na colaboración coa administración municipal, especialmente neses temas de xestión que, por falta de medios, fan que os concellos da provincia precisen a asistencia da Deputación para adaptarse a normativas como a tratada neste encontro sobre delimitación de treitos urbanos ou, como citou o presidente, a implantación da nova normativa de xestión do lixo.