A Deputación de Pontevedra visita a Fundación Walter & Nicole Leblanc en Bruxelas para consolidar e ampliar a colaboración internacional

Ambas entidades avanzaron en novas liñas de colaboración, que se suman ao actual convenio de residencias artísticas do programa Novos Valores, e exploraron futuros proxectos conxuntos

18/01/2026

Visita Museo

A Deputación reforza a relación internacional do Museo de Pontevedra coa Fundación Walter & Nicole Leblanc nunha visita a Bruxelas realizada con motivo da inauguración da exposición de Oriol Vilanova, representante do Pavillón Español na vindeira Bienal de Venecia, no marco de Europalia España. Ambas as entidades avanzaron en novas liñas de colaboración, que se suman ao actual convenio de colaboración para realizar estadías de residencia no marco de Novos Valores, e exploraron futuros proxectos conxuntos.  

Deste xeito, Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, acompañada de Agar Ledo, técnica de procesos de investigación da institución, mantivo unha reunión en Bruxelas con Benedikt van der Vorst, presidente da Fundación Walter & Nicole Leblanc, e María Inés Rodríguez, directora da Fundación. A visita concíbese como unha oportunidade estratéxica para ampliar a cooperación, tras máis de dous anos de estreita colaboración, incorporando novas iniciativas de investigación, produción e difusión artística a escala internacional.

Ademais, aproveitouse a ocasión para coñecer de primeira man a fundación, creada en 2006 como organización sen ánimo de lucro para estudar, preservar e promover o legado do artista Walter Leblanc. Con sede en Bruxelas e unha colección de máis de 500 obras e documentos de arquivo, a fundación desenvolve proxectos de investigación e produce publicacións e exposicións en colaboración con académicos, artistas e institucións de todo o mundo.