A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na cuarta ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”

A ruta, impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 26 de maio e permitirá observar aves na Serra do Suído, ao seu paso polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo

11/05/2024

A Deputación de Pontevedra abre este luns 13 de maio, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para participar na cuarta ruta ornitolóxica do programa "Voando nas Rías Baixas". Esta nova actividade impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife terá lugar o domingo 26 de maio na Serra do Suído, ao seu paso polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo. As solicitudes permanecerán abertas ata o 14 de maio ás 12:00 horas ou ata completar a capacidade (25 prazas).

A Serra do Suído é un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, famoso pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. Caracterizase polos altiplanos, nos que abundan os pastizais e o monte baixo de breixos, toxos e carqueixas, mentres que, na súa parte baixa, conta con vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados. Na primavera o no verán os seus espazos acollen grandes aves rapaces, como o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes do monte baixo campan a tartaraña cincenta e a gatafornela. Tamén é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino, e non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca e demais paxariños propios destes hábitats.

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario publicado no portal web da Deputación. Poderase anotar a persoa solicitante xunto cun máximo de tres acompañantes. O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

O programa "Voando nas Rías Baixas" contempla en 2024, ademais dos tres percorridos xa realizados e este pola Lama, Fornelos e Covelo, outras tres rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en xuño na praia da Lanzada (O Grove), en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.