A Deputación aproba as bases dunha nova edición de +Benestar, que en 2026 chegará a máis de 2.100 persoas maiores da provincia

O programa de termalismo social conta cun orzamento de máis de 220.000 euros para fomentar o envellecemento activo e a independencia dos maiores

12/12/2025

Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra aprobou na Xunta de Goberno deste venres as bases da edición de 2026 do programa +Benestar, dotado de máis de 220.000 euros. O presidente da Deputación, Luis López, lembrou que se trata dun programa "de termalismo social dirixido a persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra" que ten por obxectivos "fomentar o envellecemento activo e aumentar a calidade de vida destas persoas".

As bases aprobadas este venres rexen a concesión das máis de 2.100 prazas que se mobilizarán nesta edición, que será de novo cofinanciada entre a Deputación de Pontevedra e as persoas usuarias. Das 2.127 prazas, 2.097 son de réxime xeral subvencionadas con 100 euros, e outras 30 prazas reservadas ao réxime especial, subvencionadas con 400 euros. As prazas concederanse por concorrencia competitiva, e de haber máis solicitudes que prazas levarase a cabo un sorteo con medios informáticos.

No marco de +Benestar a Deputación oferta estadías de 6 días e 5 noites en hoteis con balneario, talaso, spa ou instalacións de características similares da provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural. A través deste programa a institución provincial promove espazos de encontro e intercambio de experiencias que permitan fomentar a independencia dos nosos maiores e evitar o illamento e as situacións de soidade non desexada.