A Deputación abre o prazo para que as asociacións de veciños e de mulleres rurais soliciten a nova liña de axudas provinciais, dotada con 200.000 euros para organizar actividades

As entidades beneficiarias recibirán ata 1.000 euros e o prazo para presentar a solicitude permanecerá aberto ata o 30 de novembro

18/06/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para que as asociacións de veciños e de mulleres rurais soliciten os recursos da súa nova liña de axudas que lles permitirá adquirir bens para organizar actividades e prestar diferentes tipos de servizos cun total de 200.000 euros. As bases das axudas xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e coa publicación ábrese un prazo de solicitude que permanecerá aberto ata o próximo 30 de novembro.

Os bens ou servizos financiados deberán estar relacionados con obradoiros ou accións formativas que promovan a aprendizaxe práctica e a adquisición de coñecementos de interese social e comunitario. Tamén con actividades de promoción da saúde ou do benestar nas que se fomenten hábitos de vida saudables e o benestar físico e emocional, así como cursos de primeiros auxilios e riscos domésticos, actuacións de sensibilización ou dinamización comunitaria en materia de igualdade, medio ambiente, participación cidadá ou memoria colectiva, e por último con actividades interxeracionais. Todas deberán ser abertas á participación da veciñanza, desenvolverse na provincia durante este ano e ter carácter social, participativo, cultural ou de dinamización comunitaria.

A convocatoria estrutúrase en dúas liñas de financiamento. A primeira estará destinada á adquisición de bens funxibles e material necesario para o desenvolvemento das actividades, mentres que a segunda permitirá financiar servizos externos vinculados á organización e execución dos eventos, como honorarios de profesionais, servizos técnicos ou alugueiro de espazos e equipamento. O importe máximo das axudas será de 1.000 euros por solicitude.

O obxectivo desta convocatoria é garantir infraestruturas e recursos adecuados para os organizadores destas actividades, de modo que poidan levar a cabo iniciativas que favorezan a cohesión social, a mellora da calidade de vida, a participación cidadá e o crecemento sostible das comunidades. As actividades e actuacións desenvolvidas polas asociacións de veciños e de mulleres rurais constitúen un instrumento esencial para fomentar a participación cidadá, fortalecer o tecido asociativo local e mellorar a convivencia e a calidade de vida da veciñanza.

Enlaces de interés