O Pleno da Deputación aproba por unanimidade as bases e a dotación económica de 8M€ do Plan Vía Depo, outra panca de apoio aos concellos para mellorar vías municipais
Este programa extraordinario ten como obxectivo reparar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno do que se beneficiarán os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes
24/04/2026
O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres por unanimidade as bases e a dotación económica de 8M€ do primeiro plan extraordinario Vía Depo que beneficiará aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para promover labores de reparación e mellora de viarios de titularidade municipal afectados polos temporais do inverno. Unha sesión ordinaria correspondente ao mes de abril na que tamén recibiu luz verde de xeito unánime os proxectos de mellora das estradas provinciais EP-8101 entre Portas e Romai e EP-6004 entre Prado e Vilatuxe, no Concello de Lalín.
A sesión comezou coa aprobación da terceira modificación de crédito do curso. Un expediente por valor de 8,1M€ procedentes de remanentes de tesourería da administración provincial cos que se dota do financiamento necesario ao Plan Vía Depo, así como outras cuestións como o patrocinio da etapa de La Vuelta Feminina pola provincia, a organización da primeira Bienal de Artes Vivas ou obras nas instalacións de titularidade provincial do polígono industrial de Barro-Meis. A continuación, foron aprobadas tamén as bases do plan extraordinario Vía Depo coas que se repartirán baixo criterios obxectivos estes 8M€ que os 59 concellos beneficiarios destinarán á mellora da rede viaria municipal. En función das súas características, extensión, número de poboación ou número de entidades singulares, cada concello recibirá unha cantidade mínima fixa de 50.000€ e, en función destes criterios, unha contía variable ata completar o reparto destes 8M€. Con estes fondos, os concellos poderán realizar obras de melloras de trazado, reforzo da estrutura, conservación de firmes e reparación de pavimentos, estabilización de muros de contención, sistemas de drenaxe ou reparación de sendeiros e accesos a praias.
Co voto favorable de todos os deputados da corporación provincial aprobáronse os proxectos de mellora de dúas estradas de titularidade da Deputación en Portas e Lalín. A primeira afecta á estrada EP-8101 entre os puntos quilométricos + e 3+350 entre as localidades de Portas e Romai cun investimento de 1,38M€ para ensanchar e acondicionar o viario mellorando a seguridade e fomentando a mobilidade peonil. A segunda afecta á estrada EP-6004 entre os puntos quilométricos 0+750 e 1+375 entre as localidades lalinenses de Prado e Vilatuxe cun investimento de preto de 90.000 euros para a mellora da seguridade viaria.
No apartado de mocións, saíu adiante a proposta do Grupo Popular co voto favorable dos deputados do PP e do BNG, malia a abstención dos do PSOE, para solicitar ao Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública que implante os sistemas tecnolóxicos oportunos para que o 100% da poboación da provincia de Pontevedra teña acceso a Internet de calidade nos seus fogares de acordo cos compromisos que adquiriu coa UE e en base ás necesidades e demandas dos cidadáns. Así mesmo, pide a este Ministerio que complete a infraestrutura de redes de telefonía móbil na provincia de Pontevedra para que o 100% da poboación teña acceso a 5G nos seus terminais. Pola contra foron rexeitadas dúas propostas do PSOE relacionadas coa limpeza dos ríos e coa mellora da estrada EP-2401 no Porriño, así como outra do BNG en favor da paz e contra o imperialismo e militarismo.
