A Deputación fai entrega de novos exemplares de camelias ao Mosteiro de Armenteira para aumentar a plantación e a produción de produtos cosméticos

O deputado provincial Javier Tourís realizou unha visita ao mosteiro no marco do seguimento do convenio que a Deputación ten en marcha coa comunidade relixiosa asentada no templo

06/04/2025

Javier Tourís

A Deputación acaba de facer entrega de novos exemplares de camelias ao Mosteiro de Armenteira para aumentar a plantación e produción de produtos cosméticos elaborados a partir desta especie vexetal. O deputado provincial Javier Tourís participou no acto de entrega dos exemplares e aproveitou para facer un seguimento do convenio asinado entre a Deputación e a comunidade relixiosa asentada no mosteiro.

O convenio, con vixencia ata este mesmo ano, ten por obxectivo determinar a rendibilidade das plantacións de camelia e das súas sementes en Galicia, así como a calidade do seu aceite extraído por prensado en frío para o seu uso cosmético, concretamente para a elaboración de produtos naturais como xabóns, aceite puro cosmético, bálsamos labiais ou cremas corporais. A Deputación, con coñecemento na materia a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, pretende mediante este proxecto con Armenteira concretar a produción de sementes por planta e o tempo que cada unha tardaría en chegar á súa máxima produción. Con isto, poderase esclarecer a rendibilidade de cara a futuras plantacións e, polo tanto, estimular a súa explotación comercial na provincia de Pontevedra.

O traballo conxunto da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e a comunidade do Mosterio da Armenteira está a abrir novas posibilidades de aproveitamento do medio rural da provincia. A comunidade está rexistrada en Actividades Económicas, concretamente no epígrafe de fabricación de xabón e produtos de perfumaría, recoñecendo a calidade do aceite de camelia cultivada na provincia de Pontevedra e os seus beneficios para o coidado da pel.

Galerias de imagenes