A Deputación presentou o proxecto dos edificios centrais do Museo de Pontevedra a Patrimonio e agarda obter o visto bo en tres meses
Trátase dun “avance moi importante”, subliñou Rafa Domínguez quen adiantou que trala autorización de Patrimonio “poderemos solicitar licencia ao Concello de Pontevedra para abrir canto antes os edificios centrais do Museo que levan once anos pechados”
05/03/2025
A Deputación presentou o proxecto dos edificios centrais do Museo de Pontevedra a Patrimonio e agarda obter o visto bo en tres meses. Trátase, tal e como subliñou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, dun “avance moi importante” xa que trala autorización de Patrimonio “poderemos solicitar licencia ao Concello de Pontevedra para abrir canto antes os edificios centrais do Museo que levan once anos pechados”.
O anterior goberno da Deputación de Pontevedra, tal e como recordou Domínguez, “non fixo nada” en canto aos edificios centrais do Museo. Nestes primeiros meses do goberno de Luis López “temos sido capaces, en primeiro lugar, de que os servizos de arquitectura recuperasen ese proxecto que non coñecían; en segundo lugar, de rematalo; e, agora, de que chegue a Patrimonio para que siga avanzando”. Ademais, o vicepresidente confirmou que o camarote do almirante Méndez Núñez, unha das estancias singulares do edificio orixinal do Museo, está incluído no proxecto.
“Entendemos que non debería haber moitos problemas” asegurou Rafa Domínguez tras ter presentado o proxecto ao detalle dos edificios centrais do Museo de Pontevedra en Patrimonio. “Agora o proxecto entra nunha nova fase e agardamos que nun prazo aproximado de tres meses teñamos a autorización para seguir dando pasos cara adiante nesta actuación tan importante para os pontevedreses e pontevedresas”, remarcou o vicepresidente quen subliñou que “con Santa Clara e o avance nos edificios centrais do Museo de Pontevedra estamos construíndo o mellor museo provincial de España que vai ser un orgullo para todos”.