Luisa Sánchez ofrece ao Concello de Vigo o financiamento necesario, con cargo ao convenio anual de 2026, para dotar á cidade dun campo de béisbol

A vicepresidenta promete ao Trasnos BC que destinará os fondos precisos a esta actuación para facer realidade esta vella demanda se así o solicita o goberno local

17/10/2025

Luisa Sánchez co equipo finalista do Campionato de España sub-15

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, ofrecerá ao Concello de Vigo o financiamento necesario, con cargo ao convenio anual que ambas administracións asinan cada ano por valor de 5 millóns de euros, para dotar dun campo de béisbol á cidade no que o Trasnos BC poida disputar os seus encontros como local.

Así llo trasladou a representante provincial ao propio club, os seus xogadores e as súas familias durante a recepción que tivo lugar na sede viguesa da Deputación ao equipo finalista do Campionato de España sub-15. Durante este acto, felicitou aos rapaces polo subcampionato acadado en setembro en Valladolid e valorou o esforzo que supón para eles ter que adestrar nunhas instalacións non homologadas por carecer de campo. Ademais, lamentou que o Trasnos BC teña que disputar, desde hai anos, os seus partidos como local fóra de Vigo.

Por este motivo, Luisa Sánchez proporá ao Concello olívico incluír no convenio anual correspondente a 2026 a partida precisa para facer realidade esta vella demanda do Trasnos BC. Para que iso sexa posible, o goberno local debe aceptar este ofrecemento e facer a pertinente solicitude, como cada ano con calquera das obras que está a financiar a Deputación de Pontevedra en Vigo.

“Dános igual o emprazamento, deixamos que o Concello elixa o lugar que máis lle conveña. A Deputación está disposta a poñer os fondos precisos con cargo ao convenio de 2026, para construír ese campo onde sexa. Pola nosa banda, existe plena disposición. Se o goberno local acepta o ofrecemento e solicita o financiamento, sufragaremos esa obra. É o meu compromiso”, aseverou a vicepresidenta provincial.

Esta suxestión súmase a outras trasladadas por Luisa Sánchez ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, como a reconstrución da piscina de Teis, que vén de frutificar coa aprobación do pertinente convenio por parte das respectivas xuntas de goberno. Con todo, a responsable de Deportes recordou que seguen pendentes as reformas do pavillón municipal do Carballal, que se atopa en moi mal estado, e das instalacións do Club de Remo Virxe da Guía, que levan preto de dous anos sen cuberta.

“Estas situacións no son de recibo. Como non é de recibo que o Trasnos, que é un equipo punteiro en España y goza dunha grande canteira, nin sequera poida xogar os seus partidos como local en Vigo e teña que desprazarse a outros lugares como A Coruña. Oxalá poida haber colaboración institucional para solucionar este problema”, rematou a vicepresidenta da Deputación.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.