A Deputación advirte que o tempo seco e solleiro está a provocar estrés hídrico e golpes de calor nas viñas

O persoal técnico de Areeiro recomenda vixiar os síntomas de patoloxías da madeira e eliminar aquelas plantas xa mortas que poidan contaminar as sas

09/08/2025

Aviso Fitosanitario

A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, alerta de que a duración do tempo seco e solleiro está a supoñer un importante estrés para as plantas debido á falta de auga e á grande insolación, en especial en solos pouco profundos e moi areosos. Debido a isto, incrementáronse os síntomas de patoloxías da madeira, chegando algunhas plantas a colapsar. Polo tanto, o persoal de Areeiro sinala que é conveniente eliminar as mortas canto antes, para evitar que en condicións favorables poidan producir esporas que contaminen as plantas sas. Ademais, a elevada radiación está a producir tamén golpes de sol nos acios máis expostos.

O persoal de Areeiro segue a notar un  bo desenvolvemento das uvas. Con todo, e ante a aparición de néboas, aconsella manter a vixilancia con respecto ao mildio, oídio e botrite, sobre todo onde haxa calquera dano ou lesión ou onde dominen as variedades máis sensibles como as de pel fina. No caso das avelaíñas do acio, as capturas de machos seguen sendo moi reducidas. Máis notable é a incidencia de acariose nas viñas, observando síntomas como o cambio de cor nas follas a unha tonalidade bronceada escura ou as finas picaduras nas follas máis novas. Areeiro tamén advirte que, por Resolución do 28 de xullo de 2025 da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, se amplían as zonas demarcadas da flavescencia dourada da vide e se manteñen as medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia.

O aviso fitosanitario inclúe observacións sobre a mosca mediterránea da froita, Ceratitis capitata, que está a atacar froiteiras moi diversas da nosa zona. Entre as medidas recomendadas para loitar con esta praga están o uso de trampas de captura, os tratamentos con insecticidas autorizados, a retirada constante da froita caída ao solo ou o labrado do terreo baixo para eliminar as pupas que darán lugar a novos adultos. Tamén se atoparon as primeiras larvas da mosca da casca verde da noz, Rhagoletis completa, cuxo control é similar. A información completa pódese consultar no sitio web da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.