A Deputación organiza unha xornada de conferencias no Museo de Pontevedra para analizar o papel dos museos na conservación e difusión de arquivos fotográficos

Celebrarase o 27 de marzo coas intervencións de representantes do Museo do Prado, o do Romanticismo, o do Pobo Galego, o do Pueblu d’Asturies e o Etnolóxico de Ribadavia

18/02/2026

Luis Lopez na conferencia de prensa

Dentro das actividades paralelas á exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, aberta no Edificio Castelao ata o vindeiro 5 de abril, o Museo de Pontevedra vai programar unha xornada de conferencias que reunirá ás responsables dalgúns dos arquivos fotográficos de museos máis relevantes do noso contexto. A xornada ‘Imaxes en Reserva: os Arquivos Fotográficos dos Museos’ celebrarase o venres 27 de marzo, co obxectivo de repensar o lugar da fotografía nas institucións museísticas e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que estas entidades preservan e transmiten.

A xornada desenvolverase durante a mañá e a tarde e é de acceso libre. As persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal recibirán un certificado de asistencia. Abrirá a xornada a conferencia de Beatriz Sánchez Torija, responsable da fotografía histórica no Museo Nacional do Prado. Tras ela intervirán Carolina Miguel Arroyo, directora do Museo Nacional do Romanticismo, e Carolina Pelaz Soto, da fototeca do Muséu del Pueblu d’Asturies. Pola tarde intervirán María Pilar Núñez Sánchez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Belén Sáenz-Chas Díaz, responsable de colección do Museo do Pobo Galego, e as conservadoras do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra e comisarias da exposición ‘Debuxar coa luz’, Reis Camiña Castro e Cristina Echave Durán.

A xornada nace co obxectivo de propiciar un espazo de reflexión e diálogo arredor do papel fundamental que desempeñan os arquivos fotográficos nas institucións museísticas. Tradicionalmente situados nun segundo plano fronte ás coleccións expostas, estes arquivos constitúen un patrimonio documental e visual de enorme valor histórico, artístico e científico. Está dirixida a persoal de museos que custodian arquivos fotográficos, das áreas de conservación, documentación, arquivo, restauración e investigación.

Este encontro aspira a xerar un intercambio de enfoques profesionais, proxectos e boas prácticas, así como a identificar os principais retos actuais e futuros dos arquivos fotográficos no contexto museístico. En definitiva, proponse repensar o lugar destas imaxes en reserva e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que os museos preservan e transmiten.

A xornada está vinculada á exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, que se pode visitar no Museo de Pontevedra ata o 5 de abril. Arredor de 300 fotografías, a maioría orixinais do XIX, e máis dun cento de obxectos e mobiliario compoñen esta gran mostra que celebra o traballo dos pioneiros da fotografía na cidade, desde o daguerrotipo á revista ilustrada, pasando pola “carte de visite”, a crónica urbana e a fotografía científica e patrimonial.

A mostra dedica especial atención a dous aspectos predominantes na fotografía do XIX: o retrato e a fotografía urbana, prestando atención tamén a outros ámbitos como o uso documental e científico da fotografía e a irrupción das revistas ilustradas. É salientable que o groso da mostra está formada por fotografías orixinais do XIX, apoiadas puntualmente con ampliacións e reproducións actuais.

Galerias de imagenes