A Deputación reafirma o seu compromiso co medio na feira de Sanxenxo polo Día do Medio Ambiente
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, a Deputación de Pontevedra participou activamente na primeira feira organizada polo Concello de Sanxenxo, a través do seu programa “Ponte a zero” e do Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN), cos que reforza o seu compromiso firme coa protección ambiental, especialmente na loita contra os residuos e co coidado dos animais.
10/06/2025
O proxecto "Ponte a zero", centrado na redución, separación e correcta xestión dos biorresiduos mediante a compostaxe, desempeñou un papel destacado neste encontro. Desde o posto informativo da Deputación de Pontevedra trasladóuselle á cidadanía a posibilidade de solicitarlle ao Concello composteiros individuais, explicáronse os beneficios da compostaxe no fogar e da compostaxe comunitaria, e fíxose fincapé na importancia de acadar o obxectivo de vertido cero de residuos, aliñado cos principios da economía circular.
Pola súa parte, o CAAN puxo en valor o seu labor de rescate, recuperación e busca de fogares para animais abandonados, ademais de dar a coñecer o novo servizo de control de colonias felinas, unha iniciativa que reforza o compromiso da Deputación co benestar animal.
A feira de Sanxenxo converteuse así nun espazo de divulgación e participación cidadá, cunha importante afluencia de público que amosou grande interese polos temas ambientais. As e os visitantes achegáronse ás propostas da Deputación, solicitaron materiais, participaron nas actividades e expresaron o seu apoio ás iniciativas presentadas.
Desde a institución provincial valórase positivamente este evento e, neste marco, séguese avanzando nos obxectivos das citadas iniciativas, consolidando unha estratexia provincial baseada na sostibilidade, na redución de residuos, no impulso da compostaxe e no coidado responsable do medio natural e dos animais. A implicación cidadá é clave, e eventos coma este demostran que a colaboración institucional e social é esencial para construír un futuro máis verde e xusto.
