Rafa Domínguez inaugura as Xornadas de Educación poñendo o acento no papel vertebrador da sociedade do Museo de Pontevedra
As IV Xornadas de Educación celebraranse hoxe e mañá no Edificio Castelao co tema “Museos e Comunidade: Xerando Sinerxías”
29/05/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou esta tarde as IV Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra, que co lema “Museos e Comunidade: Xerando Sinerxías”, se desenvolven este xoves e venres no Edificio Castelao. As xornadas son un foro de debate no que coñecer experiencias novidosas e xuntar as perspectivas de profesionais dos museos e do ámbito educativo, investigadores e estudantes sobre o papel dos museos na sociedade.
Rafa Domínguez estivo acompañado na inauguración pola vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve. Domínguez destacou que as xornadas “son unha mostra máis do papel vertebrador que xoga o Museo de Pontevedra na nosa sociedade, actuando como ponte entre a cultura e a cidadanía, entre o coñecemento e a comunidade”. O vicepresidente engadiu que “eventos coma este demostran que o Museo non é só un espazo de conservación e exposición, senón tamén de reflexión, aprendizaxe e encontro, aberto á participación de todos e todas”.
Pola súa banda, Ángeles Tilve remarcou que esta edición “pon o foco no papel dos museos como centros aglutinadores de colaboracións entre diferentes axentes culturais, co obxectivo de xerar unha rede comunitaria e asociativa. Arredor deste tema, imos coñecer puntos de vista de persoas que fan un traballo notable por fortalecer o papel dos museos na construción de comunidades”.
As xornadas acollerán a presentación de 11 proxectos innovadores e investigacións relacionadas coa educación, a relación coas comunidades e a difusión nos museo. Son iniciativas presentadas por museos, universidades e outras institucións de Galicia, Castilla-La Mancha e a Comunidade de Madrid que se coñecerán na segunda xornada desta cita que reunirá no Edificio Castelao a profesionais de museos, asociacións e colectivos culturais de toda a península, baixo o lema “Museos e Comunidade: Xerando Sinerxías”.
Luis Grau Lobo, director do Museo de León e referente da museoloxía en España, abriu as xornadas coa conferencia “Comunidades, museos, DEAC e pequenos electrodomésticos”, seguida da mesa redonda “O papel dos museos”. As xornadas continúan este venres con comunicacións, conferencias, mesas redondas e coloquios arredor dos temas “Arte, deseño e patrimonio: experiencias educativas de colaboración” e “Axentes culturais: novos retos nunha sociedade en cambio”. Pechará as xornadas un concerto a cargo do Coro Infantil e Xuvenil Luis García Limeses, acompañado de Dana Rey ao violín, Elsa Pidre ao viloncello e Fernando Olbés á voz e percusión, con Reyes Carballo na dirección.
As xornadas son un foro de debate no que coñecer experiencias novidosas e xuntar as perspectivas de profesionais dos museos e do ámbito educativo, investigadores e estudantes sobre o papel dos museos na sociedade. O evento trata de erixirse como un lugar de encontro e intercambio de coñecementos e inquedanzas arredor do reto de ofrecer unha oferta cultural que responda ás necesidades dunha sociedade plural e cambiante.
