A Deputación continúa esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos por Cabo Udra e polo río Eifonso
Este programa provincial ten por obxectivos promover o contacto directo coa natureza e gozar das vantaxes dos “baños de bosque”. As actividades programadas para este mes de outubro teñen todas as prazas esgotadas
09/10/2025
A Deputación de Pontevedra retoma esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 11 de outubro terán lugar percorridos por Cabo Udra, en Bueu, mentres que o domingo 12 serán polo río Eifonso, en Vigo. Todas as prazas para participar nas rutas de outubro están completas, esgotándose en cuestión dunha hora trala apertura da inscrición.
Na ruta por Cabo Udra os participantes percorrerán gran parte da Costa do Morrazo e espazos pertencentes á Rede Natura 2000 con paisaxes únicas e de gran valor natural e histórico. Desde o cume do cabo, a 91 metros de altitude, e desde o alto de Carafixo, a 129 metros, gozarán de panorámicas con vistas á Ría de Pontevedra e á Illa de Tambo. Pola outra banda, na parroquia de Bembrive (Vigo) discorre a ruta do río Eifonso, que nace no Monte das Lagoas abríndose camiño entre o val e pasando aos pés da capela de San Cibrán. O seu vertixinoso descenso converte as súas correntes en belas fervenzas, como a de Bouzafría, e dá orixe a varios muíños de auga na súas dúas ribeiras. En 2016 foi integrada dentro do Parque Botánico Arco da Vella, que se localiza nas inmediacións da capela de Vos Ramallo.
Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
Ademais das actividades que se desenvolverán esta fin de semana, durante o mes de outubro +Bosques volverá a visitar Cabo Udra o día 25 e tamén levará a cabo percorridos pola Ruta da Pedra e da Auga o 18 de outubro, pola illa de Tambo o 19 de outubro e polo Carreirón o 26 de outubro.