A Deputación retoma este mércores no Museo de Pontevedra o curso de audicións comentadas ‘Olladas musicais’

A profesora Sara Domínguez Lloria impartirá unha sesión sobre os músicos que xogan cos seus nomes nas composicións

10/05/2026

A Deputación retoma no Museo de Pontevedra a próxima semana a terceira edición do curso ‘Olladas musicais: audicións comentadas’. A segunda sesión terá lugar o mércores 13 de maio ás 19:00 h no Edificio Castelao e centrarase na práctica fascinante de transformar as letras do nome propio en notas e converter a identidade en materia sonora, con exemplos tomados de Bach, Shostakóvich ou Schumann. O curso impárteo a profesora Sara Domínguez Lloria, os mércores de 19:00 a 20:30 h, no auditorio do Edificio Castelao e o acceso a cada sesión é libre. Ademais, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal e asistan como mínimo ao 70 % das sesións.

O obxectivo principal desta iniciativa é promover o aprecio e a comprensión da música clásica entre o público adulto. Para iso, cada sesión centrarase nunha composición e desenvolverase seguindo un esquema similar: primeiro farase unha introdución á obra, para logo realizar unha escoita de fragmentos representativos e a análise dos temas musicais. Abordaranse tamén historias e curiosidades, influencias diversas ou o contexto histórico, segundo o caso, e tamén a relevancia e legado da obra.

A sesión do 20 de maio fará un percorrido polas arias máis célebres do repertorio operístico. O 27 de maio dedicarase ao piano e a súa evolución desde que o inventou Bartolomeo Cristofori a principios do XVIII ata a súa consolidación como un dos instrumentos máis influentes da cultura musical occidental. O curso péchase o 10 de xuño con Manuel Quiroga como protagonista, reivindicándoo como un dos grandes nomes do violinismo do primeiro terzo do século XX e como unha personalidade esencial para o patrimonio musical galego. Estas dúas últimas sesións contarán con música en directo.

O curso impárteo Sara Domínguez Lloria, que foi tamén a encargada da dúas edicións anteriores. É licenciada en Música con especialidade en Piano, doutora en Educación pola Universidade de Vigo e cun mestrado en Teatro e Artes escénicas e outro en Dirección e xestión de centros educativos. Foi directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2021 é profesora na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no departamento de didáctica especial da área de didáctica da expresión musical.