O pleno da Deputación reclama ao Goberno central que levante as limitacións do superávit para ampliar a capacidade investidora dos concellos e as deputacións

A moción presentada polo Grupo Popular, apoiada polo BNG e rexeitada polo PSOE, busca que os aforros das entidades locais poidan destinarse a investimentos e gasto corrente e non só a reducir débeda

25/04/2025

Luis López no Pleno so 25 de abril

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de abril, unha moción presentada polo Grupo Popular para instar ao Goberno de España a que aprobe a normativa para que as entidades locais poidan destinar os seus superávits do ano 2024 ao longo deste ano para permitir a execución de investimentos financeiramente sostibles e o pago de gasto corrente evitando a limitación de destino destes fondos exclusivamente á redución de débeda. Un acordo que saíu adiante cos votos favorables dos deputados dos grupos do PP e o BNG e o voto en contra dos do PSOE. Unha sesión que serviu tamén para aprobar a modificación das bases dos plans +Provincia e Plan Extra para dotar de maior flexibilidade aos concellos, así como unha modificación de créditos do Consorcio Provincial do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento por valor de 1,7 millóns de euros que servirá para mellorar os equipos dos parques de bombeiros e a adhesión da Deputación á Asociación “Ruta do Viño Rías Baixas”.

A sesión comezou coa aprobación da delegación de competencias do Concello de Cerdedo-Cotobade a favor da Deputación para desenvolver as facultades íntegras de xestión tributaria e recadación da taxa pola entrada de vehículos con ou sen vao e reservas de vía pública temporais. Por unanimidade foi aprobado tamén o expediente de modificación de créditos do Consorcio Provincial para a prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento por valor de 1,75 millóns de euros con cargo a remanentes de tesourería. Uns recursos que servirán para a renovación do vestiario dos parques, a adquisición de material funxible de intervencións, a realización de estudos e traballos técnicos, o investimento en nova maquinaria, instalacións técnicas e utillaxe, a reposición e adquisición de vehículos e outros investimentos asociados ao funcionamento operativo dos servizos para a merca de traxes, botellas de aire, cascos ou máscaras.

Os seguintes puntos da orde do día centráronse na modificación das bases reguladoras dos plans +Provincia e Plan Extra que foron aprobadas grazas aos votos favorables dos deputados do PP e do BNG e a abstención dos do PSOE. No primeiro caso, no do +Provincia, houbo que modificar a redacción das bases primeira, décimo novena, trixésima, trixésimo primeira e trixésimo cuarta para que os concellos da provincia poidan financiar investimentos que, sen ser de carácter plurianual, a súa execución ou financiamento se realice en máis dun exercicio cando os fondos do +Provincia non constitúan a fonte principal de financiamento. Mentres que con respecto ao Plan Extra modifícase a base quinta engadindo un novo parágrafo no que se puntualiza que “os concellos, en atención a súa capacidade financeira, poderán financiar a súa parte nas anualidades 2025 -2026 con cargo ao Plan +Provincia da anualidade correspondente”.

Outros asuntos aprobados de xeito unánime durante o pleno foron os relacionados coa aprobación do proxecto técnico modificado para a reforma integral dos edificios Sinde, bloque I, na Guarda ao abeiro do programa PON2030, así como a aprobación definitiva do proxecto mellora da mobilidade peonil na EP-1203 entre O Campo e Pardavila, no concello de Marín, despois de superar o período de exposición pública. Do mesmo xeito, saíu adiante a adhesión da Deputación de Pontevedra á Asociación Ruta do Viño Rías Baixas.

A Deputación aposta pola vía verde

Votación no Pleno so 25 de abril

No apartado de mocións, foron rexeitadas as dúas propostas presentadas polo Grupo Socialista para, por un lado, esixir á Xunta a que desista do proxecto de Altri e, por outro, esixir á Deputación que asuman a creación da vía verde das Rías Baixas. Neste último caso, a proposta do PSOE foi rexeitada pola maioría do grupo popular. “O goberno de Luis López está liderando a ampliación da vía verde na provincia, pero para executala precisamos prazos concretos e o compromiso do Goberno central”, remarcou o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, lembrando accións concretas como a financiación dun novo treito en Redondela ou a carta enviada ao ministro de Transportes, Óscar Puente, para trazar un plan en conxunto para completar o percorrido. Neste sentido, o voceiro instou ao principal grupo da oposición a que se poña do lado da veciñanza e se una ás nosas esixencias ao Goberno para que libere canto antes as vías e se implique na execución do proxecto.