A Deputación abre o prazo para que mozas e mozos de entre 9 e 16 anos participen en obradoiros de experimentación tecnolóxica en Pontevedra

“Programación de autómatas” terá lugar en horario de 10:00 a 14:00 horas o martes 8 de xullo para nenos e nenas entre os 9 e os 11 anos e o martes 15 de xullo para a rapazada entre os 12 e os 16 anos. Ofértanse 15 prazas para cada sesión

28/06/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para que mozas e mozos de entre 9 e 16 anos participen en obradoiros de experimentación tecnolóxica que terán lugar na aula CeMit do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra. Trátanse de dúas sesións enmarcadas no proxecto “Girl STEAM”, impulsado pola  Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia, que levan por título “Programación de autómatas” e terán lugar en horario de 10:00 a 14:00 o martes 8 de xullo para nenos e nenas entre os 9 e os 11 anos e 15 de xullo para a rapazada dos 12 aos 16 anos.

O obradoiro constará na creación de autómatas de cartón, que se porán en funcionamento grazas a un motor programable a partir dun kit de robótica. Ademais, os nenos participantes terán que crear unha escenografía móbil nunha caixa de sombras, e gravarán un vídeo que incluirá os autómatas que cren na primeira parte do obradoiro. Ofértanse 15 prazas para cada unha das sesións e as inscricións pódense realizar no sitio web dos CeMIT.

O proxecto “Girl STEAM” busca impulsar actividades para que os nenos e as nenas poidan, desde idades temperás, espertar o seu interese e reforzar a súa confianza nas súas capacidades. Nos obradoiros poden aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade de fomentar o seu talento e espertar vocacións tecnocientíficas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.