Luis López asina coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o convenio co que a Deputación achega 1,2M€ para a humanización da estrada entre Pereiras e Tameiga

O presidente provincial salienta a combinación dos fondos do Plan Extra e o +Provincia para financiar a maior parte dun proxecto estratéxico valorado en 1,45 millóns de euros

18/09/2025

Luis López e Nidia Arévalo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para a humanización da estrada que une as parroquias de Pereiras e Tameiga. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Arévalo selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 1,2 millóns de euros a través dos programas Plan Extra (900.000€) e do +Provincia (300.000€) para financiar unha obra valorada en 1,49 millóns de euros, da que o Concello aporta os 294.000€ restantes. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria nunha estrada moi transitada por condutores e peóns.

O proxecto ten como obxectivo transformar unha vía estreita e insegura nun viario accesible, funcional e sustentable ao longo dun treito de 1.414 metros, no que se verá mellorada a mobilidade e seguridade para peóns e vehículos. A estrada, que conecta as parroquias de Pereiras, Petelos, Tameiga e Sanguiñeda, é unha das principais vías do municipio. A intervención inclúe a ampliación da calzada e a creación dunha senda peonil nunha das marxes. No núcleo de Pedraucha prevese a configuración dunha zona de convivencia peonil e para o tramo final, de carácter máis rural, incorporarase unha beiravía de 1,25m e un sistema de drenaxe eficiente. Así mesmo, a obra inclúe a renovación da rede de alumeado público con tecnoloxía  LED, soterramento de redes eléctricas de telecomunicacións, instalación de mobiliario urbano con varandas de  protección, sinalización horizontal e vertical, execución de muros de contención para estabilizar parcelas e ampliar a vía, incorporación de pasos de peóns elevados e elementos de calmado de tráfico e mellora do sistema de drenaxe mediante instalación de colectores e sumidoiros.

A colaboración da Deputación co Concello de Mos non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 2,15M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.