A Deputación dará continuidade ao programa SmartPeme para o ano 2026 cun novo mapa de oficinas máis eficiente co que manterá o apoio ao emprendemento
O goberno provincial rediseña a rede para evitar duplicidades cos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia, e continuará prestando servizo presencial en Vigo, Pontevedra e Ponteareas
21/01/2026
A Deputación de Pontevedra continuará en 2026 co programa SmartPeme de asistencia e apoio ao emprendemento cun novo mapa de oficinas máis eficiente, co que manterá o respaldo ás iniciativas empresariais da provincia. A través da prórroga do actual contrato, o goberno provincial rediseñará a rede actual das oficinas baixo o principio de evitar solapamentos cos Polos de Emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, e garantir deste xeito un emprego máis eficaz dos recursos públicos.
Así, as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas continuarán baixo o paraugas de SmartPeme, mentres que se extinguirá o servizo das de Lalín, Cambados, Barro e O Porriño, nas que xa existe, ben dentro do termo municipal ou nas proximidades, algún servizo de apoio ao emprendedor.
O organismo provincial destinará este ano preto de 740.000 euros a un programa que, por vez primeira, coordinarase co servizo Polos de Emprendemento da Xunta co obxectivo de cubrir o territorio da provincia. A Deputación xa conta cun Viveiro de Empresas en Lalín e Barro, mentres que en O Porriño existe un Polo de Emprendemento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e outro activo en Vilanova de Arousa, na contorna de Cambados. En Barro, particularmente, o polígono empresarial da Deputación xa acolle a 30 empresas e rexistra unha ocupación do 90%.
O programa SmartPeme seguirá a garantir unha atención de calidade aos usuarios a través do apoio de tres asesores de novas tecnoloxías, a realización de preto de 20 obradoiros e 8 actividades complementarias así como a garantía da prestación de máis de 600 asesoramentos aos profesionais.
O organismo provincial mantén o seu compromiso co tecido empresarial da provincia a través dos viveiros de empresa e, a nivel xeral, cunha política de investimentos sen precedentes que redunda na dinamización e de novas oportunidades do tecido empresarial de proximidade.
