A Deputación organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
De luns a venres realizaranse accións telemáticas arredor de temas como a ciberseguridade, o deseño web ou os motores de reservas para empresas turísticas
21/12/2025
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 22 ao venres 26 de decembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a ciberseguridade, o deseño web, os motores de reservas para empresas turísticas e creación dun CRM, entre outros.
O luns 22 de decembro a partir das 12:00 horas continúa o itinerario de ciberseguridade co obradoiro telemático "Ciberseguridad VI - cuentas online: mantenlas a salvo" organizado pola oficina de Barro. Moitas dúbidas en PEMEs, autónomos e novos emprendedores xiran arredor da seguridade ao facilitar datos en páxinas web para crear ou usar contas e servizos. Neste sesión Manuel Tornos, asesor na propia oficina con máis de 30 anos en novas tecnoloxías, resolverá estas cuestións e revisará algunhas das aplicacións máis empregadas para aprender que boas prácticas é convinte seguir para manter a información segura na rede. As inscricións para a mesma pódense realizar neste formulario.
Este mesmo día pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase o obradoiro "Motores de reservas para empresas turísticas" a través da oficina de Vigo. Ter instalado un sistema de reservas e dispoñibilidade en liña na páxina web, fai que un negocio turístico aumente a súa visibilidade en internet, aforrando tempos e incrementando os beneficios. Da man de Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, as persoas participantes aprenderán a atraer máis turistas, que poderán reservar antes o seu aloxamento, actividades ou servizos turísticos, con total fiabilidade. As inscricións pódense formalizarse neste formulario.
O martes 23 de decembro ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro en liña "Ciberseguridade VII - correo electrónico e menxasería: protexe as túas comunicacións" coordinado tamén pola oficina de Barro. Esta última sesión do itinerario de ciberseguridade estará dedicada ao uso correcto do correo electrónico e as aplicacións de mensaxería máis habituais. Contará novamente con Manuel Tornos como profesor e as persoas participantes aprenderán boas prácticas para evitar ataques como phishing, suplantación de identidade ou fugas de información, garantindo a seguridade persoal e a protección dos datos e recursos da súa empresa. As inscricións pódense realizar neste formulario.
Tamén o martes 23 ás 17:00 horas a oficina de Ponteareas organizará o obradoiro telemático "Cómo crear un CRM en Notion". Nesta sesión afondarase na creación dun CRM completo usando a versión gratuíta de Notion, deseñada para autónomos que precisan organizar clientes, seguimentos, tarefas e orzamentos de forma sinxela e rápida. Guillermo Nass, licenciado en Publicidade e con experiencia en deseño web e márketing dixital, ensinará como configurar un sistema funcional con bases de datos conectadas, vistas intelixentes, modelos automáticos e un pequeno panel para xestionar un negocio desde o teléfono móbil ou ordenador. Ao rematar, as persoas participantes terán un CRM listo para comezar a usar. As inscricións pódense formalizarse neste formulario.
Finalmente, o venres 26 de decembro a partir das 12:00 horas celebrarase o obradoiro telemático "Consegue máis conversións coa Landing Page perfecta" organizado pola oficina de Pontevedra. A sesión explorará que é unha páxina de destino e como se pode empregar como parte fundamental da estratexia de mercadotecnia dixital. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia no ámbito do márketing en liña, amosará exemplos e diferentes ferramentas cos que mellorar as conversións a través da páxina de destino perfecta. As inscricións pódense realizar neste formulario
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.