A reivindicación da Axenda da Paridade no foco da para este #8M

Dan man das mulleres do movemento feminista, da empresa, da arte, da ciencia, da cultura, ou da universidade, a institución pon en marcha unha ampla programación con máis dunha trintena de accións para reivindicar o espazo e a representación feminina en tódolos ámbitos

28/02/2022

Programacion 8M

A reivindicación da Axenda da Paridade, “indispensable para chegar a unha igualade plena”, marcará este ano a amplísima programación da Deputación de Pontevedra para este 8M con máis dunha trintena de accións que, como anunciou a presidenta Carmela Silva, se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo. Acompañada de asociacións feministas, mulleres da empresa, da universidade, da cultura, da ciencia e de representantes da arte, da política e da economía, da sociedade e da música, Carmela Silva volveu incidir en que “a igualdade é o reto e a loita prioritaria desta institución e a creación de redes coas mulleres da provincia o noso maior compromiso”. A presidenta mostrou “o agradecemento a todos os colectivos de mulleres, o noso orgullo e o noso optimismo porque, se poña como se poña o machismo, non hai quen nos pare. Estamos decididas a cambiar o mundo e ninguén nos vai deter”. O acto, que se desenvolveu nun Salón de Plenos ateigado de mulleres da provincia, contou coa actuación musical do grupo “As Lembranzas”.

Ao fío do lema deste ano “Feminismo é conseguir a Axenda da Paridade”, a presidenta provincial mostrou a súa preocupación porque “estea desaparecida da primeira liña”, e sinalou que “reivindicaremos o noso espazo en todos os ámbitos”. Carmela Silva, que citou expresamente ao movemento feminista “porque todas somos as súas herdeiras e seguimos a súa estela”, subliñou o carácter pacifista da fermosa loita pola igualdade. “Nestes tempos  tan convulsos as mulleres dicimos Non á Guerra porque nós sumamos palabras, ideas e reivindicacións pero non coñeceredes a ningunha muller que teña declarado unha guerra”.

A programación

A programación do 8M deste ano estará centrada nos cinco eixos da Axenda da Paridade e na denuncia da infrarrepresentación das mulleres na política, na economía e na empresa, nos medios de comunicación, no saber e na creatividade.

En torno á política as accións xa arrancaron xa o pasado venres coa lectura da declaración institucional polo 8M no Pleno da Deputación, que este ano correu a cargo da politóloga Priscila Retamozo. O 7 de marzo despregaranse as pancartas co lema deste ano nas sedes centrais da Deputación en Pontevedra e Vigo, que dende a madrugada do 8M estarán tamén iluminadas en cor morada. Ademais, estas cidades acollerán os actos centrais do propio 8M. En Pontevedra a escalinata do Pazo Provincial converterase nun escenario no que a artista e trapecista Sue Moreno combinará acrobacias aéreas, con teatro, danza e canción en directo para tratar temas como a corresponsabilidade e a desigualdade. A peza, que leva por título “4.0”, poderá verse ás 11.00 horas e en caso de choiva trasladarase ao vestíbulo do Pazo. Pola tarde, ás 17.00 horas, as paredes da Sala Rosalía de Castro da sede de Vigo acollerán unha instalación artística titulada “Las Locas. A nosa historia emocional acubíllanos” que é froito dunha acción participativa na que mulleres de varias asociacións de Vigo, coordinadas pola artista Mariana Sellanes, crearon unha enorme manta “cobija” tipo patchwork. Ademais, o propio 8M a Deputación apoiará as manifestacións que se celebren reivindicando de xeito especial a abolición da prostitución. Neste eido, Carmela Silva, que denunciou os “datos arrepiantes da situación das mulleres prostituídas” foi tallante: “É unha vergoña, esiximos de forma inmediata unha norma que supoña a abolición da que é a maior manifestación de desigualdade”.

 No eido da Empresa-Economía desenvolverase ao longo do mes unha nova campaña en liña “Elixe Produto Local. Elixe Igualdade” e realizarase unha homenaxe ás Mulleres do Mar ao acoller na Sala Rosalía da sede de Vigo a entrega dos II Premios Mulleres Salgadas, que terá lugar o 18 de marzo. Ademais, co fin de difundir a relevancia da Axenda da Paridade nos Medios de Comunicación a Deputación ten programada un plan de difusión e visibilización de mulleres referentes en diferentes ámbitos coa súa participación en relatorios, debates e mesas redondas.

No eixo do Saber a institución continúa apostando pola Escola de Igualdade María Vinyals. Ao seu abeiro desenvolverase unha intensa programación que contará con catro conferencias do ciclo “GCiencia. Ciencia en feminino” que terán lugar os xoves 3, 10, 17 e 24. A Deputación tamén contará con actividades para a mocidade da man do ciclo “Canteira de Igualdade”, que se celebrará todos os sábados de marzo, e apoiará en Vigo a Feira Exposición Científica “A ciencia que vén ten nome de muller” dende o 18. Ademais, entre o 23 e o 25 o auditorio de Ponteareas acollerá o programa “A maleta dos océanos da Axenda 2030” e a exposición  “O mar das mulleres”, dentro da Semana da Ciencia. A programación en torno ao saber completarase coa exposición “Pontevedra en América: unha mirada en feminino”, da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela, dende o 31 de marzo no Pazo Provincial.

A reivindicación da paridade tamén chegará ao campo da Creatividade con distintas accións da VII edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que estará o 17 de marzo ao auditorio municipal de Caldas con “A astronauta de campo”, unha acción de Marta Cofiño, e a finais de mes en Agolada co obradoiro “Arranxando letras”, de Esperanza Mara. Ademais, os días 6, 7 e 8 de abril a artista Pilar V. de Foronda levará a cabo unha acción no Centro Penitenciario da Lama. No marco deste programa hoxe presentáronse as bolsas de tea deseñadas polas artistas Eva Fandiño, Andrea López e Nuria Díaz,  que serán distribuídas nos concellos nos que se leven a cabo as accións.

A Deputación tamén apostará pola música coa celebración o 11 de marzo do primeiro concerto da II edición de Descúbreas.  A cita terá lugar na escalinata do pazo provincial. Logo, o día 18 ás 17.00 horas, a sede de Vigo acollerá un obradoiro de creación artística con Rosa Neutro titulado “Recoller / Reciclar / Recrear” que está dirixido a persoas maiores de 16 anos. Para os días 26 e 27 de marzo e 2 e 3 de abril a Deputación desenvolverá no concello de Silleda un novo e ambicioso  proxecto: “Mulleres Extramuros” que será presentado proximamente no Deza. Ademais, o programa “Conectadas” xa está en marcha e en marzo volveranse a convocar os Premios #Mulleresnofoco da man de CIMA que este ano se entregarán en Pontevedra.

O Museo de Pontevedra tamén terá a súa propia programación. Así, do 8 ao 11 de marzo terá lugar "Artistas invisibles”, un percorrido polas obras de mulleres artistas da colección, o día 9 acollerá a representación da obra de teatro infantil “Carabranca”, o 10 terá lugar o coloquio “Aínda queda moito ferro!” e o día 11 haberá teatro para o público adulto baixo o título de “Matrioskas”.

A maiores de esta extensa programación, a Deputación apelará dun xeito especial á corresponsabilidade durante todo o mes de marzo coa campaña “Sen coidados o mundo párase”. Tamén será en marzo, o 23 cando institución dea a coñecer á nena ou neno gañador do concurso de Nadal “Búscase a Talento” cuxo premio consistirá nunha historia escrita por Ledica Costas na que o debuxo desta crianza será o protagonista. O mesmo día presentarse a  guía da campaña “Búscase a Talento”. Ademais, a iniciativa en redes sociais “365 Días – 365 Mulleres” continuará por segundo ano nas canles institucionais da Deputación.

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.