O alumnado do IES Sanxenxo achégase á memoria histórica dende unha perspectiva de muller da man da Deputación

O Alumnado asistirá mañá a unha charla da escritora Montse Fajardo e disporá da exposición ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ ata o 1 de abril

21/03/2022

O alumnado do IES Sanxenxo vai asistir no que queda do mes de marzo a varias iniciativas para achegarse á memoria histórica dende unha perspectiva de xénero grazas á Deputación. Dende hoxe e ata o 1 de abril a comunidade educativa dispón da exposición ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ e mañá poderá asistir á charla da escritora Montse Fajardo, que falará sobre a represión contra as mulleres tras o golpe de Estado do 1936.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega sinala a súa satisfacción polo feito de que centros de ensino estean interesados en abordar a memoria histórica co seu alumnado e soliciten estas actividades á Deputación, xa que “achegar ás persoas máis novas esta temática é un desafío”. Apunta que “creo que dende as institucións comprometidas debemos avanzar na idea preconcibida de que a memoria é un tema que non interesa á rapazada e apostar por un diálogo interxeneracional que lles permita un maior coñecemento e implicación”, destaca.

‘Rexas’ é unha mostra que pretende reivindicar a memoria das vítimas cunha escolma da historias de represión sufridas por 172 mulleres pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.

A deputada nacionalista destaca que ‘Rexas’ pretende manter nun primeiro plano a memoria das persoas perseguidas, asasinadas, encarceradas e represaliadas e contar a verdade, por xustiza e por reparar e dignificar. “‘Rexas’ pon o foco nas mulleres que, pola súa condición, sufriron unha dobre represión, a motivada pola súa ideoloxía e filiación, e as vexacións de corte sexista, sendo rapadas, agredidas sexualmente ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. Elas sufriron un maltrato máis duro que os seus homes tras o alzamento, xa que ademais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou sen poder choralas”, asegurou.

Pola súa banda, Montse Fajardo falará mañá das distintas tipoloxías de represión contra as mulleres, con exemplos e fotografías dalgunhas das galegas que a sufriron, defendendo a necesidade de ampliar o termo vítimas. Fará unha análise sobre “as que quedaron, nais, orfas, viúvas, mulleres que, ademais de ficar sen o ser querido, perderon tamén o principal sustento do fogar. Como saíron adiante e cal foi a súa forma de resistencia, de lembrar, nun tempo sen dereito a dó. Como se mantivo viva a memoria do que pasou no tempo do silencio e de como chega hoxe ata nós”.

O catálogo de actos de memoria de ’O Pasado Por Vir’ (na web arquivos.depo.gal) inclúe diferentes actividades e iniciativas que están dispoñibles e poden ser solicitadas por todas as asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica na axenda cultural e no debate público. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.