O Museo, obxecto de estudo dun máster da facultade de Ciencias da Educación

Un grupo de alumnas e alumnos visitará mañá as instalacións para analizar os recursos da institución dende a perspectiva educativa

03/02/2022

Un grupo de alumnas e alumnos do Máster de ‘Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a educación en infantil e primaria’ da Facultade de Ciencias da Educación realizará mañá unha visita formativa ás instalacións do Museo de Pontevedra tomando a institución como obxecto de estudo dende a perspectiva educativa.

A iniciativa parte da profesora Mª Begoña Paz García, responsable de impartir a área de Didáctica da Expresión Plástica e Transmisión e mediación e Educación Artística nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Belas Artes de Pontevedra.

A sesión , que comezará ás sete da tarde, forma parte dunha actividade para a materia ‘Investigación e innovación en artes’, e os seus obxectivos son promover e dar a coñecer o patrimonio cultural galego a través do Museo de Pontevedra, así como presentalo como un contexto educativo imprescindible para a ensinanza das artes.

Ademais o grupo pretende coñecer os recursos que ofrece o Museo para realizar unha análise  desde unha perspectiva educativa (poñendo de relevo fortalezas e debilidades) con fin de elaborar unhas serie de propostas de mellora desde a perspectiva dun docente. Será a responsable de Educación do Museo, Sabela Santos, a que realice a visita  expoñendo as novas iniciativas e conteste todas as preguntas do alumnado, que na súa maioría xa conta con experiencia docente e nalgúns casos está en activo.

A intención é que o traballo sirva de base para elaborar varias propostas educativas sobre o Museo por parte do alumnado, que fará as súas presentacións ao respecto o venres 18 de febreiro na facultade de Ciencias de Educación e do Deporte. As análises realizadas poderán servir ao Museo como feedback sobre as súas iniciativas, xa que está en pleno proceso de elaboración de novas propostas e materiais didácticos.

Segundo explica a responsable da Unidade de Educación do Museo, a visita “será un paso máis de cara o achegamento coa universidade de Vigo e cos potenciais docentes que tanta importancia teñen de cara ao noso traballo do día a día”. Subliñou que poderá resultar “moi frutífera” xa que serán realmente os futuros axentes que potenciarán o Museo como espazo de aprendizaxe e lecer de cara o alumnado de Educación Infantil e Primaria.