A deputada Sandra Bastos xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, inauguran en Tenorio a exposición “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”

10/04/2024

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, inauguraron en Tenorio a exposición “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”. Trátase dunha mostra impulsada pola Deputación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para poñer en valor a historia de 13 mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e América. O acto de inauguración da exposición, que se poderá visitar no exterior do Centro sociocultural de Tenorio ata o 9 de maio, complementouse cunha conferencia na que María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, M.ª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e M.ª Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, lle renderán homenaxe ás mulleres que forman parte da mostra.

“Cando pensamos na emigración, esquecemos a achega que fixeron as mulleres” remarcou a deputada de Igualdade, quen destacou o seu papel fundamental, “tanto cando saían coma cando quedaban aquí, en Galicia”. Deste xeito, a mostra recolle, tal e coma recordou Sandra Bastos, a traxectoria de “mulleres que marcaron fitos na política, no social, na defensa da lingua ou na educación e, non obstante, permanecen invisibles nos relatos históricos”.