Smartpeme pecha setembro con catro novas formacións online

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre ciberseguridade, ferramentas para o sector turístico, Linkedin para empresas e identidade dixital e NFT

25/09/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas online enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Nestes talleres continuarase cos ciclos de ciberseguridade e blockchain, e explicaránse as ferramentas que serven para fidelizar clientes de aloxamentos turísticos ou o aproveitamento de Línkedin para empresas.

Este luns 26 de setembro, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá o taller “Ciberseguridade – O Phising”  co que se continúa unha serie de talleres co obxectivo de dar a coñecer aspectos básicos da ciberseguridade. Neste caso, ensinarase a detectar o Pishing que é a forma máis sinxela de ciberataque.

O mércores 28 na quenda da mañá, Patricia Cabaleiro, Postgraduada en Turismo, impartirá o taller “Ferramentas para fidelizar aos clientes do meu aloxamento”. Neste obradoiro aprenderanse estratexias para que pequenos negocios turísticos fidelicen aos seus clientes e amosaranse outros consellos para captar reservas directas sen pagar comisións. Na quenda de tarde, a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, versará sobre “Como usar Linkedin para empresas e profesionais”. Esta formación ten como obxectivo aprender a crear un  perfil profesional, unha páxina de empresa optimizada e como potenciar unha marca propia.

A semana lectiva finaliza o xoves 29 co obradoiro “Blockchain, identidade dixital e NFT“ que continúa unha serie de obradoiros informativos sobre a tecnoloxía blockchain. Nesta formación falarase do proxecto de identidade dixital da Unión Europea e como afecta isto directamente á xestión de datos. Tamén se explicarán que son e para que serven os NFT. O obradoiro será impartido, de novo, polo experto Manuel Freire.